![](https://img.lavdg.com/sc/bib3k9quVgFFYwth43-F3elFMvI=/480x/2025/01/03/00121735930682042212789/Foto/AE4C4F1_195715.jpg)
O prezo para os 500 primeiros é de 50 euros máis gastos de xestión
04 ene 2025 . Actualizado a las 16:41 h.Vilaxoán prepárase para acoller unha nova edición do Festival Revenidas, que terá lugar entre os días 11 e 14 de setembro. Como antesala do evento, a organización puxo onte venres 3 de xaneiro, á venda os primeiros 500 abonos a un prezo reducido de 50 euros máis gastos de xestión. A promoción está dispoñible a través da web oficial do festival, www.revenidas.com. Os fieis que merquen estes primeiros abonos terán tamén a opción de reservar a súa zona de acampada desde a mesma plataforma, pagando un suplemento de entre 10 e 15 euros.
Aínda que o Revenidas non desvelou aínda os artistas que integrarán o cartel desta edición, a organización reafirma o seu compromiso coa diversidade cultural e lingüística. Mantendo a súa filosofía habitual, o festival contará con figuras destacadas da música galega, estatal e internacional, e prestará especial atención á paridade de xénero e á promoción de linguas minorizadas. Alén dos concertos, o Revenidas ofrecerá unha ampla programación de actividades paralelas, que son xa parte fundamental da súa identidade. Entre elas, destacan a tradicional sardiñada, a Gala de Circo Solidaria, os concertos a bordo e o roteiro cultural polos recunchos de Vilaxoán. Estas propostas complementan a experiencia musical, convertendo o Revenidas nun evento único.
Nova imaxe
Unha das grandes novidades desta edición é a renovación da imaxe corporativa do festival. O deseñador David Lages foi o encargado de crear unha identidade visual que busca capturar a esencia do Revenidas: a mestura cultural e lingüística a través da música. O novo deseño, que combina formas xeométricas e cores vibrantes, simboliza «como as linguas e estilos musicais se fusionan arredor do Revenidas, sempre cun carácter alegre e inclusivo», segundo explica o propio creador.