O Mariscos Antón equilibra a medias o seu pésimo inicio de segunda volta cos basquetaveraxe
VILAGARCÍA DE AROUSA

O conxunto que dirixe Álvaro Fernández perdeu tres dos seus cinco partidos tras o paso do ecuador da Liga Femenina 2
25 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cinco xornadas leva consumidas a segunda volta da LF2 tras a disputada a pasada fin de semana. Cinco partidos nos que o Mariscos Antón Cortegada ofreceu un preocupante balance de dúas vitorias e tres derrotas. Con todo, máis aló de dar practicamente por confirmado o título en diferido dun case intratable Bosonit Unibasket (17 partidos gañados por tan só un perdido), a actual xeira do conxunto que dirixe Álvaro Fernández está a ser equilibrada por dous factores.
O primeiro, a mini crise de resultados que comparten a metade dos seus rivais directos polos postos dous ao catro, os que darán dereito a acompañar o Unibasket á vindeira fase de ascenso. Tanto o GEIEG, último verdugo do Cortegada, este domingo en Vilagarcía (63-72), como o BF León, que este sábado recibirá o cadro arousán, calcan o 2-3 da segunda volta do Mariscos Antón, figurando quinto e sexto na clasificación cun triunfo menos ca este. O problema é que o Maristas, con pleno de vitorias tras o paso de ecuador, superou o Cortegada, e é segundo cunha vitoria máis, co Romakuruma UE Mataró, cuarto cun balance na segunda volta de 4-1, unha por debaixo das de Álvaro Fernández.
A outra boa nova é que o Cortegada resolveu ao seu favor a disputa do basketaveraxe tanto co UE Mataró como co GEIEG.