O Arousa recupera a idea da fundación arlequinada para impulsar a súa minicidade deportiva

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Abalo mantén contactos para constituír unha comisión que a leve adiante. Desvela tamén que o Burgos ten un partido pendente na Lomba polo traspaso dun xogador

27 jun 2025 . Actualizado a las 22:35 h.

Foron 62 os socios que acudiron a última hora da tarde deste venres á asemblea extraordinaria na que a directiva que encabeza Manolo Abalo levaba a votación o orzamento do club para a vindeira tempada, 2025/26, e na que informou do avance do novo proxecto deportivo do primeiro equipo. Con todo, como en todas estas reunións, a parte máis interesante era a que viña tras os dous únicos puntos da orde do día: rogos e preguntas. E se ben desta volta non houbo lugar á máis mínima crítica nin mostra de desafecto ou enfado por parte do sector crítico coa xestión de quen é presidente da entidade desde hai 15 anos, os 20 escasos minutos da asemblea deixaron un par de pinceladas do máximo interese para o afeccionado arlequinado con carné do club.

Dúas solitarias intervencións desde o patio de butacas da aula-seminario do recinto feiral de Fexdega bastaron para descubrir un par de detalles con potencial percorrido. A primeira, a preguntas polo cobro de dereitos de formación dos futbolistas da canteira do Arousa que cambian de aires nas últimas tempadas, Manolo Abalo desvelou que o Burgos C.F., da Segunda División, «tiene un partido pendiente de jugar en A Lomba por el traspaso de Memet» o curso pasado, cando inda era futbolista do conxunto de División de Honor Juvenil do Arousa, pasando á canteira castelán-leonesa.

A segunda cuestión é de maior calado. Un segundo socio dirixiuse á directiva para recordarlle que nunha asemblea anos atrás se informara dun acordo de longa duración coa Comunidade de Montes de Loenzo, en Vilagarcía de Arousa, para a cesión de 3 hectáreas nas que o club, a través do seu presidente, fixera público entón o seu plan de levantar unha minicidade deportiva propiedade do Arousa. O socio preguntou se había algún problema que impedise darlle adiante á iniciativa.

Manolo Abalo confirmou que o acordo segue en pé, cunha duración estipulada de 30 anos por límite legal, e que se ben se pactou verbalmente, «la gente de la comunidad de montes quiere limpiar todo aquello y no va a haber ningún problema. La idea sigue siendo la misma». A cuestión é que, aclarou, a entente se producira co Arousa en Segunda RFEF, unha categoría que polos numerosos e cuantiosos resortes de respaldo económico que leva aparellada «nos daba margen de maniobra» para empezar a acometer o proxecto construtivo pensado, cun custe que Abalo cifrou na asemblea extraordinaria entre o medio millón e o millón de euros. A cantidade, unida ás contraprestacións pedidas polos comuneiros, fan que «el Arousa no pueda asumir el proyecto en este momento».

Dito isto, e tras confirmar co Concello que o ideado «es factible», o mandatario da entidade vilagarciá expuxo o seu plan para sacar adiante a minicidade deportiva tras un hipotético regreso á Segunda RFEF: «He hablado estos días con unas personas para reunir una comisión que se encargue de constituir una fundación del club», vella idea para a que a directiva de Abalo xa recibira o permiso da asemblea de socios anos atrás. «Queremos una fundación para que lo que hagamos ahí se quede ahí, y no venga nadie y se vaya todo al garete; porque este club», lembrou, «ya tuvo un local social, y hoy no lo tiene».