O Ramal deixará de usarse como párking a partir do luns polo inicio das obras
VILAGARCÍA DE AROUSA

As prazas que se suprimen se compensarán cun aparcamento disuasorio da rúa Mulatas e un espazo que se habilitará no depósito municipal
28 jun 2025 . Actualizado a las 15:27 h.O luns comezarán as obras dun dos proxectos máis ambiciosos que aborda o Concello de Vilagarcía neste mandato, a recuperación da fachada marítima na contorna do peirao do Ramal. Despois de adxudicar o proxecto hai apenas un mes á construtora Marconsa, estas semanas dedicáronse a pechar todos os trámites finais: sinatura do contrato, designación da dirección de seguridade e levantamento da acta de replanteo, na que ademais do Concello interveu a Autoridade Portuaria.
A partir deste luns valarase toda a contorna e a chegada das primeiras máquinas para iniciar as demolicións o cal impedirá seguir utilizando este espazo como aparcamento. A previsión que manexa o Concello é rematar a obra na vindeira primavera.
As prazas que se suprimen quedarán compensadas coas do párking disuasorio da rúa Mulatas e do depósito municipal de vehículos, que se converterá en estacionamento público e bonificado. As dúas bolsas de aparcamento están a cinco minutos andando dende O Ramal.
Cando as obras rematen, recuperaranse algunhas das prazas agora perdidas no mesmo sitio, segundo informa o goberno local, que se sumarán ás áreas para o estacionamento do plan Vaicar!. As próximas áreas serán as de Carril e Os Duráns e o depósito municipal, a maiores das melloras que se introducirán no párking de Xoán XXIII.
A actuación no Ramal permitirá recuperar para o uso cidadán 4.300 metros cadrados cun cento de árbores e unha gran pradería e un estanque de auga. Ademais dos paseos de conexión do parque coa praia, a zona contará cun quiosco-cafetería e terraza rodeados de vexetación. O proxecto segue as recomendacións europeas para adaptar as cidades ao cambio climático.
Esta intervención, financiada con fondos europeos, forma parte dun plan máis ambicioso para integrar o peirao do Ramal na trama urbana tralo acordo coa Autoridade Portuaria de Vilagarcía.