Remata a Semana de Cine en Vilagarcía con cifras de éxito e coa música de Borjamina
VILAGARCÍA DE AROUSA

Un milleiro de persoas puideron gozar dun ciclo que pon en valor a sétima arte
10 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Semana de Cine do Cine Club Ádega, en Vilagarcía de Arousa, rematou con cifras de éxito total e con invitados moi especiais. O ciclo comezou o pasado luns, 4 de agosto, e xa daquela as entradas estaban esgotadas.
Onte ás 21 horas tivo lugar o remate das proxeccións cunha festa bollywoodiense na que unha película sorpresa, pero apta para todo tipo de públicos, entretivo os alí presentes. A cita tivo lugar no parque do Castriño e, despois de acudir ás proxeccións de toda a semana, Borjamina, dos Mozos de Arousa, foi o encargado da música. Ás dez da noite os bailaríns de Animación Nydia ensinaron o público a bailar ao máis puro estilo Bollywood. Dende a organización animaron os asistentes a ir caracterizados con motivos hinduístas ou bollywoodenses e a levar comida típica deses lares para crear unha experiencia de pícnic redonda.
Gran número de asistentes
Durante os seis días que durou o evento, no Salón García, pasaron case mil persoas, as cales puideron ver filmes de todo tipo, pero tamén participaron de varias actividades. Sirât de Oliver Laxe (2025) foi a estrela e a novidade da semana, conseguindo encher o espazo dúas veces no mesmo día. Foron un total de 335 persoas as que se achegaron a ver o filme premiado no Festival de Cannes. Non é o de Laxe un traballo doado, pero sen dúbida tampouco deixou a ninguén indiferente. Mesmo o seu primeiro pase concluíu con aplausos. A fraxilidade da vida, a humana en particular, a construción dun acougo común coma única saída fronte á intemperie ou o solipsismo diante dun contexto colectivo adverso son algúns dos temas que propón sen panos quentes.
A maiores, 190 persoas foron as que gozaron do filme-concerto do mércores 6, e Xorda de Eva Libertad foi vista por ata 186 amantes da sétima arte. A presenciar A rapaza da agulla de Magnus von Horn asistiron 78 persoas, mentres que Nausicaä do Val do Vent, o un filme animado de Hayao Miyazaki, reuniu a 82 espectadores. Esta semana tamén se desenvolveron actividades coma unha clase maxistral de Dirección de Arte, impartida pola galega Marta Villar, cun total de 32 asistentes, e unha inmersión en 360 graos con gafas 3D con medio cento de participantes.