A cita está marcada para o 13 de decembro
11 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Touriñán volverá a pisar o escenario do auditorio de Vilagarcía o vindeiro 13 de decembro ás 21.00, desta volta acompañado por David Perdomo, co que presenta o seu novo espectáculo de humor titulado Amoriños. A cita promete ser unha das máis esperadas do inverno arousán e as entradas xa se atopan dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com.
O novo proxecto, producido pola compañía Ainé, preséntase como «un First Dates á galega, con citas tolas e paixóns imposibles». A proposta combina o humor absurdo e o retrato da vida cotiá, característicos de Touriñán e Perdomo, con situacións disparatadas e moita improvisación. «Personaxes que non deberían atoparse, pero que o fan igual; humor salvaxe e moito corazón», sinalan desde a produtora.
A concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, amosou a súa satisfacción por contar de novo con Touriñán no auditorio vilagarcián. «Sabemos que os billetes van voar, como xa pasou en outubro con Somos criminais e punto final, de Touriñán e Carlos Blanco», indicou. Naquela ocasión, a demanda obrigou a engadir unha segunda función e esgotáronse as 1.500 entradas dispoñibles en apenas uns días.
O regreso do cómico a Vilagarcía prodúcese tras o éxito das súas colaboracións anteriores con David Perdomo, como Corentena e Corentena?Game Over, espectáculos que tamén obtiveron unha gran acollida entre o público. A química entre ambos intérpretes, marcada polo seu humor galego e espontáneo, promete repetir fórmula neste novo proxecto.
Entre 15 e 20 euros
As entradas para «Amoriños» teñen prezos que oscilan entre 15 e 20 euros, segundo a localidade elixida no auditorio: zona A (20 euros), zona B (18 euros) e zona C (15 euros). De quedar dispoñibles, poderán mercarse tamén na billeteira dúas horas antes.