Vilanova de Arousa sumerxese na semana grande do verán

María Santamaría / S. G. VILANOVA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

Adrián Baúlde

Festa gastronómica, Feira de Oportunidades e as celebracións do Carme converten ao concello nun epicentro cultural

07 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, Vilanova convértese nun centro gastronómico grazas á Festa do Mexillón e o Berberecho, celebración declarada de Interese Turístico de Galicia no 2014. Dende o Concello agardan que a carpa instalada na praza do Castro, que abre hoxe as 13.00 horas, acolla a máis persoas que en 2024, xa que este ano pasa de poder albergar de 450 a 600 persoas. As propostas ofrecidas pasan por opcións ao vapor ou á vinagreta, pero tamén se poden degustar paella de mariscos, empanadas ou polbo á feira. O espazo estará aberto nun horario de 13.30 a 16.30 horas e de 19.00 a 23.00 horas ata o domingo.

Os catro días de festa están amenizados con potentes actuación musicais que comezarán mañá ás once da noite, co espectáculo de Panorama no parque do Cabo, actuación que no 2024 reuniu a dez mil persoas. O sábado, o coñecido grupo de folk galego Milladoiro será o encargado de animar a veciños e visitantes na praza do Castro e o remate final das festas, o domingo, estará protagonizado por un pasacalles de Mekánika Rolling Band e pola actuación de Roi Casal, ás 21.30 horas, no xardín Umbrío.

Esta fin de semana Vilanova de Arousa celebrará tamén a tradicional procesión marítima na honra da Virxe do Carme, que parte da Estación Marítima e remata no Faro do Seixo. A maiores, terá lugar a edición número 21 da Feira de Oportunidades da vila, que conta con máis de vinte establecementos locais que ofrecerán aos veciños e visitantes produtos a prezo de saldo.