Unha sociedade máis solidaria

BARBANZA

PUNTO DE VISTA | O |

05 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

DURANTE ESTE ano celébrase o vixésimo quinto aniversario da Constitución, aprobada polas cortes xerais do 31 de octubre de 1978 e pola cidadanía no referendo do día 6 de decembro do mesmo ano. Cumple pois un cuarto de século de vixencia, feito extraordinario na historia do noso constitucionalismo, sobre todo tendo en conta que non sufriu suspensións e foi mínima a súa modificación. Este texto é a culminación dun proceso de democratización trala morte de Franco, que dirixira o Estado baseándose na lexitimidade da victoria militar. A importancia da Constitución está no intento de superar esa lexitimidade de 1939 por outra propiamente democrática, acabando coa fractura na que se baseaba. É importante que tódolos cidadáns do Barbanza poidamos sumarnos á celebración, xa que a Constitución foi un instrumento máis que facilitou a reconciliación entre familias, cidadáns e pobos e asentar a cultura democrática do respecto polas ideas dos semellantes, a pluralidade e a participación na vida pública de tódolos homes e mulleres. Xorde do consenso e de atopar uns mínimos comúns de convivencia de tódalas opcións políticas e sociais, e hoxe non todos son conscientes da súa importancia, por iso hai que destacar a súa validez, non sacralizala nin crela inamovible e usala como instrumento de inclusión e non de exclusión. Penso que non axuda en nada a patrimonialización das constitucións, nen aquí nen en ningún país; os que votaron contra dela ou non crían nela dinse agora os seus defensores a ultranza. Algo avanzou este Estado cando xa non se cuestiona o que significa o texto constitucional: liberdades, dereitos e deberes, igualdade de xénero... porque a Constitución é algo máis que debater tódolos días sobre o nacionalismo vasco. Temos que seguir construindo unha sociedade na que se teñen acadado moitos logros, na que se mellore a calidade de vida dos cidadáns, na que sexamos máis solidarios e na que haxa maior calidade democrática, e estas cuestións e non outras deben de ser as que prevalezan á hora de reformar o texto constitucional. A idea introducida no preámbulo de establecer unha sociedade democrática avanzada, debe promoverse no día a día, xa que a responsabilidade das actuacións públicas non só é dos gobernantes senón da cidadanía en xeral, e aí todos temos o noso grao de area. Agardo que no Barbanza sigamos a traballar pola convivencia, o respecto á diversidade e a pluralidade dos pobos que compoñen o Estado, e sobor de todo que dentro de 25 anos poidamos ver unha sociedade aínda máis avanzada, máis xusta e solidaria. José Manuel Lage é presidente do Consello da Xuventude de Galicia