Ata finais de ano levaranse a cabo neste inmoble obras de teatro, proxeccións de cine e exposicións de arte
30 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Os problemas de humidades e filtración de auga que afectaban á cuberta e ás dependencias interiores do Coliseo Noela xa están resoltos, aínda que queda por revisar o sistema do aire acondicionado. O arranxo destas deficiencias permitiu retomar a actividade do salón teatro de Noia, no que se levarán a cabo numerosas iniciativas ata finais de ano, entre as que se atopan representacións dramáticas, concertos, proxeccións de películas e curtametraxes, e exposicións de arte, entre outras cousas.
A concelleira de Cultura de Noia, Loli Caramés Hermo, dou a coñecer onte a programación do seu departamento para este último trimestre do ano.
A maiores dos actos que terán como escenario o Coliseo Noela, a responsable municipal tamén sinalou que a partir do 10 de novembro, e durante todos os sábados ata que remate o curso escolar, o profesor e escritor David Pérez impartirá no Instituto Virxe do Mar un obradoiro literario, de 10.00 a 13.00 horas, aberto a veciños de todas as idades. Ao finalizar esta actividade, a editorial Toxosoutos publicará un volume cos traballos feitos polos alumnos. As inscricións poden facerse xa na casa da cultura noiesa.
Baile
Loli Caramés anunciou que este sábado, ás oito do serán, a compañía Nova Galega de Danza ofrecerá un espectáculo, patrocinado pola entidade Caixanova.
As citas coas artes escénicas terán lugar os días 9 e 16 de novembro, e 14, 21, 22, 28, 29 e 30 de decembro. Os grupos que actuarán na vila son Fulano, Mengano e Citano; Teatro de Ningures; Lagarta, Lagarta; Os Quinquilláns, Títeres Trompicallo, La Imagen Machine, Talía e Sarabela.
A concelleira tamén comentou que haberá proxeccións de cine o 11 e o 18 do mes que vén, e o 26 de decembro; concretamente, das longametraxes Belle de Jour , Umberto D e Pérez, el ratoncito de tus sueños .
Concertos
A Semana Musical de Noia, que organiza a Coral Polifónica da vila, desenrolarase entre o 21 e o 25 de novembro, e nesta última data será cando arrinque o festival de curtametraxes, que durará ata o 2 de decembro.
Por outra parte, a alameda acollerá unha actividade de animación á lectura o 24 do próximo mes, mentres que a banda municipal de música dará un concerto no coliseo o 23 de decembro.
A maiores, Loli Caramés subliñou que Manuela Sofía González e Víctor Bermejo exporán óleos e ceras na localidade durante os dous próximos meses. A pintora mencionada en primeiro lugar amosará as súas creacións entre o 19 e o 30 de novembro na casa de cultura Antón Avilés de Taramancos. O segundo artista, o fará nesa mesma sala a partir do 15 de decembro e ata o 4 de xaneiro.
Exposición biográfica
No Coliseo Noela, entre o 13 e o 28 do último mes do ano, se poderá visitar unha mostra dedicada á vida e obra da escritora nacida en Noia María Mariño, á que se lle rendeu homenaxe no día das Letras Galegas.
A concelleira salientou, como novidade, a edición duns trípticos de man con toda a programación cultural, algo que os cidadáns viñan demandando desde hai tempo, segundo apuntou.
Ao mesmo tempo, Caramés Hermo puxo o acento na aposta que o Concello de Noia fai polo teatro feito en Galicia. Por último, fixo un chamamento á participación dos veciños en todas as iniciativas organizadas.