A oferta turística para Semana Santa conxuga natureza, cultura e etnografía

BARBANZA

16 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os turistas que se acheguen esta Semana Santa á comarca terán á súa disposición unha oferta que engloba os importantes recursos naturais, culturais e etnográficos que posúe esta zona. Recursos como a illa de Sálvora, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, ou as afamadas dunas de Corrubedo comparten en Barbanza protagonismo cos centro de interpretación de San Roque e Neixón e con edificios e contornos vinculados a importantes escritores como Valle-Inclán, Manuel Antonio, Castelao e Dieste.

Para poñer toda esta riqueza a disposición do visitante, a mancomunidade Arousa Norte apostou por crear produtos nos que se conxugan os distintos recursos. Entre eles, as rutas dos escritores e dos pobos mariñeiros son unha das grandes apostas da entidade para períodos vacacionais como o que comezará nun par de días.

No que a pobos mariñeiros se refire, Palmeira e Rianxo perfílanse como citas ineludibles. Para a primeira destas vilas, Arousa Norte deseñou unha ruta que arranca no porto, onde as vellas construcións comparten espazo cos novos usos, e onde aínda se poden contemplar as dornas. O monumento ao emigrante, as calellas do casco urbano e os restos dunha fábrica de salgadura son outros puntos a visitar.

En Rianxo, as zonas de paso obrigado son as rúas de Arriba, do Medio e de Abaixo, así como o paseo da Ribeira, coas peculiares casas do remo e co monumento á Manuela, que representa á embarcación típica da vila, a Xeiteira.

Para coñecer un pouco máis do pasado dos escritores vinculados a Barbanza, Arousa Norte propón dous itinerarios. Un deles ten como escenario a vila pobrense e discorre por edificios que marcaron a vida e as obras de Valle-Inclán, como as torres Xunqueiras e Bermúdez, Villa Eugenia, a farmacia de Tato, a Casa Grande de Aguiar ou o Priorato da Mercé.

A segunda ruta percorre a localidade rianxeira, onde se poden ver as casas natais de Castelao, Dieste e Manuel Antonio, así como os monumentos que se colocaron na súa honra no paseo da Ribeira.

Espectaculares vistas

Unha visita a Barbanza ten que incluír a subida a algún dos seus miradoiros. Na Pobra as opcións máis destacadas son A Curotiña e A Curota, este último punto está declarado Sitio Natural de Interés Nacional e atópase a 514 metros de altura.

No territorio boirense, os principais miradoiros sitúanse ao longo da planicie dos Chans do Barbanza, mentres que en Rianxo, o Pico Muralla, cunha altitude de 678 metros, é o máis alto. Conclúen esta relación a Garita, San Alberte, San Roque e a Pedra da Rá, no territorio ribeirense.