A Dorna urxe un empuxón

BARBANZA

Loita en Internet por estar entre as sete mellores festas de España. Actualmente ocupa o posto oitavo

06 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai xa varios meses que empezou a lidarse unha batalla a través da Rede, guerra na que a Dorna xoga un papel fundamental. Loita por converterse nunha das sete mellores festas de España. O orixinal programa de actividades que cada mes de xullo se desenvolve en Ribeira conseguiu pasar sen problemas a primeira fase do concurso, xa que quedou de oitava e clasificábanse cincuenta. Pero agora precisa un empuxón para ascender postos.

Esta singular batalla estase a lidar na páxina web www.las7mejores.es e o seu desenlace coñecerase a finais de setembro. Nos cinco meses que quedan ata entón, os organizadores da Dorna pretende levar a cabo unha serie de iniciativas para animar á poboación a votar por esta festa.

De momento, a celebración ribeirense xa bateu algunha que outra marca. Foi a única de Barbanza que conseguiu clasificarse para a fase final deste concurso, ao que tamén presentaron candidaturas outras como a Guadalupe rianxeira, a Festa da Fervenza de Mazaricos, o Carme de Muros ou o Nazareno pobrense.

Ademais, a Dorna ocupa o primeiro posto no ránking galego. De feito, entre o medio cento de celebracións de España seleccionadas só figuran outras catro da comunidade: a Festa da Fraga coruñesa (no posto 22), San Xoán da Coruña (25), Arde Lucus lugués (34) e Naseiro de Viveiro (46).

Entre os argumentos que se esgrimen na Rede para que a celebración ribeirense estea entre as sete mellores de España atópase a súa antigüidade, xa que a Dorna iniciou a súa andaina no ano 1948. Tamén se fai referencia a que esta festa foi declarada de interese turístico galego no 2005. Do mesmo xeito, varias fotografías reflicten algunhas das actividades máis destacadas, como o gran prix de carrilanas, o premio de voo sen motor ou a regata de embarcacións feitas á machada.

Actividades de apoio

Ninguén dubida en Barbanza de que a Dorna se merece este recoñecemento, pero o que fai falla e que o éxito que ten a festa se traduza en votos. Para animar á poboación a apoiar á celebración ribeirense, os dirixentes da Confraría dorneira teñen previsto organizar diversas actividades. O tema vaise analizar na asemblea de peñas que terá lugar o sábado, ás nove da noite, no conservatorio ribeirense.

O presidente da entidade, Francisco Martínez, explicou que o éxito acadado ata o de agora xa é destacable, aínda que o obxectivo é que a Dorna quede nos tres primeiros postos: «Aínda que non existe un premio como tal, acadar un bo lugar é beneficioso para a promoción da festa e para que teña un novo recoñecemento a nivel estatal».

De feito, nesta batalla que está a lidar a través de Internet, a Dorna está a relacionarse con festas como San Juan de Soria, San Juan del Monte de Burgos, Fallas valencianas, Moros y Cristianos de Alcoy e Bando de la Huerta de Murcia, que ocupan os cinco primeiros postos.