Desde o posto privilexiado da Praza do Obradorio, Castro asegura que Barbanza ten elementos diferenciais para ser elixida como punto de destino vacacional
13 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Julio Castro Marcote é o director do Hostal dos Reis Católicos, buque insignia da hostalería de calidade europea. Porque naceu en Fisterra, concretamente en Punta Sardiñeiro, coñece a idiosincrasia dos vilas que se reparten por toda a beira atlántica galega, así como as súas potencialidades turísticas, non en van este sector non lle é alleo pois, na praza do Obradoiro, ocupa un lugar privilexiado desde o que albisca o maior fluxo de visitantes que cada ano rexistra Galicia, especialmente en anos xacobeos como o que estamos a vivir.
O responsable do emblemático establecemento compostelán mete o dedo na chaga á hora de falar por onde ten que ir a aposta turística barbancesa, territorio que coñece ben o do que pensa que conta cos elementos diferenciadores para erixirse como un destino de vacacións.
-¿Que se debería potenciar como reclamo turístico en Barbanza e na Costa da Morte?
-Penso que en turismo Galicia debe ser unha marca potente. Galicia ten moitas potencialidades: mar, interior... e despois está a Galicia cultural. Sabemos que Santiago é o lugar onde se capta o 80% dos turistas que veñen visitar a nosa comunidade autónoma. Santiago convértese, pois, nun elemento bifurcador do turismo. Temos que ter presente que Santiago é unha marca coñecida en todo o mundo. Principio e fin do Camiño, patrimonio cultural, etcétera. Cada comarca con potencial turístico ten que destacar que é o que a diferenza e non se repite noutros lugares. Permítame que poña como exemplo que non hai moito tempo o interior de Galicia había poucos que o coñecesen e, sen embargo, o impulso da Ribeira Sacra, coa súa paisaxe e cos viños, foise creando un produto diferenciador. -¿E ve nas nosas comarcas ese elemento diferencial? -Realmente estou convencido de que hai moito que destacar. Desde o patrimonio cultural, ata rutas con visitas a castros, mámoas, escritores galegos tan afamados que proceden ou tiveron unha estreita relación con estas terras, como Valle-Inclán, Castelao, Dieste, Manuel Antonio; ou o Parque Natural das Illas Atlánticas, a propia ría de Arousa. Hai moitos elementos diferenciadores. -¿Que falla entón? -As potencialidades turísticas deben ir coordenadas por un padroado no que haxa profesionais polivalentes. De aquí, deste órgano, ten que saír unha oferta hostaleira importante para poder vender unha marca. Se non a houbese, haberá que creala. Non se trata de buscar hoteis e restaurantes, senón a diferenciación que, por exemplo, caracterice a gastronomía dos lugares. Estou convencido de que a Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia faría un esforzo que axudaría a impulsar este destino. Tamén é certo que se debería facer un labor de promoción desde Santiago con turoperadores para que se dean a coñecer as zonas costeiras, a súa proximidade á capital de Galicia. -Trátase de facer atractivas as comarcas, logo, para o visitante. -Si. Hai material abondo. Ademais do que xa lle dixen, está o Parque Natural das Dunas de Corrubedo e das Lagoas de Vixán e O Carregal, que é un entorno impresionante; bateas e unha importante industria conserveira. Unha das labores a emprender, por exemplo, consistiría en promocionar as conservas de altísima calidade que temos e polas que moitos dos nosos hóspedes do Hostal preguntan.