O autor destaca a gran concentración de escritores que hai na comarca e o bo momento que atravesan as letras
18 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Traballa como funcionario da Xunta de Galicia, pero Antón Riveiro Coello ten claro que a súa profesión é outra ben distinta: «Son escritor desde que me levanto ata que me deito. Por necesidade, xa que non se pode vivir exclusivamente da literatura, teño que traballar como administrativo no instituto Praia Barraña de Boiro».
Coa contundencia coa que fala queda claro que escribir é para el moito máis que unha afección, e iso que recoñece que empezou neste mundo case por casualidade, cando tiña xa 22 ou 23 anos: «Comecei bastante maiorciño, cando coñecín á que hoxe é a miña parella. Ela estaba en Madrid e empezamos a cartearnos e foi ela a que considerou que eu escribía moi ben».
Antón Riveiro animouse despois a idear un relato co que se presentou a un concurso, obtendo o primeiro premio: «Xa desde pequeno estaba vinculado coas artes, pois tocaba nun grupo de rock e os mestres incluso me insistían en que redactaba moi ben, pero eu nunca lle dera importancia. Pode dicirse que foi cando gañei o meu primeiro certame cando quitei o carné de escritor».
E despois desta estrea no mundo das letras, Antón xa non puido parar. Gañou «unha animalada de premios», como el mesmo di, e escribiu ata quince libros en solitario, ademais de outras moitas obras colectivas. El defínese como un escritor realista: «Teño un ciclo metaliterario, con novelas que contan a vida dun escritor; e un ciclo da memoria, con obras que están relacionadas co pasado, coa historia».
Entre todas estas novelas que saíron da pluma de Riveiro Coello atópase A esfinxe de amaranto , unha historia que ten moito que ver co recuncho preferido deste barbancés, O Vilar: «Tanto esta praia como as dunas de Corrubedo forman parte desta obra, á que lle teño un gran aprecio. Ademais, cando estás alí non ves os edificios e quédaste só coa natureza».
Nova publicación
En breve, este autor, barbancés de adopción, pois naceu en Xinzo de Limia, publicará unha nova novela, unha «obra de grandes dimensións», pois chegará ás mil páxinas, na que Antón leva cinco anos traballando. Trátase dunha historia que tamén transcorre nesta comarca: «Desenvólvese en distintos lugares do mundo, pero tamén ten unha base fundamental na Pobra e nas dunas de Corrubedo».
Non só a traxectoria de Riveiro Coello vai vento en popa, el mesmo destaca o bo momento que está a atravesar a comarca no que a arte das letras se refire: «Barbanza é un deses lugares tocados por algo moi especial, non sei se é unha cuestión de tradición, pero o certo é que hai sitios que, aínda que non son moi grandes, rexistran unha concentración de escritores moi importante e ese é o caso desta zona».
Antón recoñece que este fenómeno non é novo, senón que xa no pasado, a terra barbancesa fixo historia neste eido da man de nomes como os rianxeiros Castelao, Manuel Antonio e Dieste; ou de Valle-Inclán, literato que tivo e ten unha estreita relación coa vila pobrense. Aínda así, non deixa de asombrarse co panorama actual: «Estou fascinado pola cantidade de xente que escribe e escribe ben en Barbanza».
Boas perspectivas
É máis, á hora de falar do futuro neste eido, o autor é bastante optimista: «Penso que seguirá habendo bos escritores porque se están creando redes e iso anima á xente a iniciarse neste mundo». Para Riveiro Coello, este positivismo é incluso trasladable a outro eidos creativos: «Barbanza é unha zona bastante prolífica, tanto na escrita coma no resto das artes».
O que si bota en falla Antón é que esta proliferación de escritores non se vexa compensada por un incremento de lectores a nivel Barbanza: «Hai que deixar de pensar que a cultura é unha cuestión masiva. Por desgraza, non hai moita xente interesada nela, sobre todo na literatura».
Á hora de buscar responsables que permitan explicar esta falla de interese por parte da poboación, Riveiro Coello sinala aos políticos: «Eles son os primeiros que teñen que apoiar a cultura. O que ocorre é que, como se trata dun eido que non dominan, non o apoian. A cultura nunca foi moi amiga da política». Aínda así, o autor sinala que, entre as actividades que organizan os concellos e as que promoven as asociacións, a oferta cultural que teñen á súa disposición os barbanceses obtén un aprobado: «Percibo algunas reticencias pero, en xeral, pode dicirse que a comarca ten cubertas certas iniciativas; iso si, hai localidades nas que hai un programa máis amplo e variado e outras nas que é máis escaso».
Como lle ocorre a calquera amante da cultura, a Coello nunca lle parecerá demasiada a oferta. Para el, a principal carencia é o cine.