«Estivera onde estivera a marcha, sempre fomos o punto de partida»

paula souto RIBEIRA/ LA VOZ

BARBANZA

24 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O bar Plaza abriu as súas portas o 30 de marzo de 1975: «Era a típica taberna de mariñeiros». Á fronte del estiveron os pais de Antonio Lijó, coñecido por Tucho, ata que no ano 1992 pasou ás súas mans e ás do seu irmán Juan. «Daquela fixemos unha transformación ao que é agora, unha cafetería-pub». Sen dúbida, sempre se considerou un punto de encontro en Ribeira: «Estivera onde estivera a marcha nocturna, sempre fomos o punto de partida», di Tucho.

Conscientes de que ofrecen un servizo de alta calidade e bo trato cos seus clientes, para o Plaza hai tres citas clave: «A festa da Dorna, o luns de carnaval e as festas do verán. Por esa orde, son as que máis reclamo teñen. Son as festas máis grandes tanto cultural como economicamente. Son días de moito traballo para todo o sector servizos». A noite do luns de entroido ten tanto éxito porque, como asegura, «Ribeira é o único lugar da comarca no que o festivo é o martes, por iso veñen rapaces de todos os sitios do Barbanza a gozar da noite».

A pesar de que Tucho Lijó só ten boas palabras para a Dorna e a considera unha das mellores festas, «xa que é única e moi orixinal, por iso ven xente de todos os lugares», asegura que «se tivera eses días libres iría ás Cíes, porque son xornadas de traballo moi intenso e agradécese poder descansar e desconectar de todo un pouco».

Ateneo Valle-Inclán

Corría o ano 2007 cando os irmáns Lijó inauguraron o Ateneo Valle- Inclán: «Foi a consecuencia dunha idea que trouxen de Estados Unidos. Alí son moi comúns uns sitios que se chaman barnes and noble. Son unhas librarías con cafetería nas que todo o mundo pode coller un libro para ler. Pero aquí é ao revés, cada país é un mundo e hai que adaptarse». Pensou en abrir este tipo de local porque «sentía que había un oco cultural moi grande. Nós dámos cabida a todas as asociación e grupos de diferentes ideoloxías e intereses, algo que só pode facer un local 100% privado que non dependa de ningunha institución pública».

As instalacións do Ateneo encóntrase na parte superior do Plaza: «É un sitio pequeno, pero para as presentacións de libros soe haber pouca xente e resulta máis acolledor que unhas instalacións moi grandes que con 40 persoas se verían medio baleiras». Acóllense actos de todo tipo e de todas as culturas: «Nunha ocasión tivemos un danés que traballaba na ONU».

Defensor acérrimo da súa terra, está convencido de que «as dunas de Olveira xunto coa praia de O Vilar son o sitio máis fermoso de Galicia. Se os de The Guardian visen esa praia sería catalogada como a máis bonita do mundo no lugar da de Rodas das Illas Cíes. É fermosa. É unha das mellores praias do mundo e unha das peor vendidas». Ademais de ser un dos seus lugares favoritos, tráelle recordos moi gratos da súa infancia: «De pequenos viñamos todos os domingos con meus pais para tirarnos pola duna abaixo». Tamén lembrou a súa etapa de estudante: «Cando estaba estudando Maxisterio en Santiago viñemos de excursión ás dunas cun catedrático de Bioloxía que nos prohibiu tirarnos porque dicía que se deterioraban. Que razón tiña, agora está prohibido ata achegarse a elas».

44 anos

Hostaleiro

Recuncho

Nas dunas de Corrubedo: «Cando eramos novos viñamos a tirarnos por elas abaixo»