
O directivo afirma que as subvencións deben ter un «retorno na sociedade»
13 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Dende hai xa moitos anos, a asociación Deloa xestiona, nas comarcas de Barbanza, Muros, Noia e O Sar, fondos europeos encamiñados a incentivar o emprendemento, a formación e a incorporación da muller ao eido laboral. Foi a impulsora e fundadora de esta entidade, Rosalía Mera, quen lle propuxo ao rexedor de Outes, Carlos López Crespo, que ocupara o cargo de vicepresidente. López Crespo destaca o traballo de Deloa e a súa repercusión nos territorios do seu ámbito de influencia.
-¿Cal é o traballo de Deloa na vertebración do territorio?
-O que pretende é a posta en marcha de liñas de actuación para o emprendemento ou o fortalecemento de empresas xa existentes. O máis importante é o aspecto formativo, especialmente dirixido a mulleres, mozos e persoas con discapacidade. Estes son os grandes eixos.
-¿Que investimentos se fixeron nos concellos que abrangue no último ano e cantos empregos conseguiron crearse?
-O programa Leader tramita actualmente vinte e cinco proxectos, dos que doce están rematados. O Concello con máis iniciativas, casualmente, é Outes, con seis, seguido de Boiro, con catro. Os municipios de Rois, Lousame e Noia teñen tres cada un, Ribeira e Porto do Son, dous e Padrón e Muros, un. Un total de dezanove actuacións son produtivas, o que significa que implican a creación de empresas e de postos de traballo. A orientación das propostas subvencionadas é moi diversa, tanatorios, centros de día, recuperación patrimonial. O investimento ascende a 1,4 millóns e a axuda pública supuxo 640.000 euros. Lograron crearse 35 postos de traballo e consolidar 50. Creo que son datos que poñen de manifesto a importancia do traballo que se está a facer.
-¿Favoreceuse a diversificación económica?
-Hai un gran respaldo ao medio ambiente e ao turismo pesqueiro, porque temos un patrimonio moi importante. Tamén hai un programa de apoio musical mediante a colaboración con outras comunidades autónomas e chegaron a facerse varias gravacións no estudio que Paideia ten na Coruña. En Outes, por exemplo, trabállase no turismo gastronómico e rural. Das cinco casas rurais que hai, catro están vinculadas a Deloa e reciben apoio promocional. En conxunto lograron crearse uns dez postos de traballo no municipio. O importante é a promoción do emprego. Resulta moi positivo ver como se afianzan estes establecementos. Pero non só iso, tamén está o aspecto da formación dos mozos que xa comentei, que se afianza mediante intercambios para a realización de prácticas. O ano pasado houbo en Outes catorce mozos alemáns e tamén rapaces do municipio que están en países europeos. Iso ábrelles as portas porque po programa esténdese ao conxunto de concellos.
-Supoño que tamén hai un gran traballo de asesoramento, porque hai xente formada que precisa orientación.
-A Deloa preocúpalle moito a orientación empresarial. Fanse estudos de viabilidade e mercado que son fundamentais. Eu considero que este é un aspecto esencial porque a traxectoria que pode chegar a ter un negocio non é a mesma si se monta cuns criterios definidos, cunha estrutura e cuns coñecementos previos, que son básicos, sobre o territorio no que se asenta.
-Deloa ten o seu principal eixo de actuación nas zonas rurais, ¿cal considera que foi a súa aportación na bisbarra?
-Trabállase para crear sinerxías, para establecer un tecido de desenvolvemento socioeconómico na bisbarra e que iso sirva para fixar poboación, para que o tecido produtivo actúe como parte dunha rede social.
-¿Estanse conseguindo resultados?
-Estase intentando. Os fondos europeos non poden usarse sen criterios definidos. Na nosa terra temos que preocuparnos de que eses investimentos vaian orientados a fixar poboación. Non hai que esquecer as orixes da impulsora de Deloa, Rosalía Mera, ela sempre falaba do retorno social. Hai un factor común a tódalas accións que se levan a cabo en Deloa: todos estes apoios teñen que reverter, non se poden dar cartos para que alguén faga diñeiro. Iso está ben, pero ese apoio económico tamén ten que traducirse nun beneficio social, nunha mellora das condicións de vida.
-¿Esta filosofía mantense?
-Si. Sandra Ortega, sucesora na presidencia de Rosalía Mera, mantén o espírito de Deloa. A dedicación de Sandra Ortega é tan importante como a de súa nai.
-¿Cree que é suficientemente coñecida a actividade de Deloa, que os cidadáns aproveitan os recursos dos que dispón?
-Esta é unha pequena lagoa que creo que teñen tódolos fondos europeos e non sei a que se debe. En Deloa existe unha gran preocupación por difundir as actuacións e por chegar a todo o territorio. Sen embargo, eu noto na sociedade certa reticencia a acudir a estes fondos europeos. Agora ben, hai xente que si está na dinámica de aproveitar a oportunidade que ofrecen.
-Hai actuacións de índole social que posiblemente non terían respaldo de non ser por Deloa, como as que se refiren ás persoas con discapacidade.
-Existe una indiscutible vocación de apoio. Deloa, a través de Paideia, pon moito empeño neste aspecto e constitúe unha dos eixos de traballo.