O cineasta que medrou escoitando versos

Javier Romero Doniz
JAVIER ROMERO NOIA / LA VOZ

BARBANZA

Marcos Creo

Seu pai, Avilés de Taramancos, animouno, con 10 anos, a dedicarse á sétima arte

14 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi en Colombia, coa década dos oitenta a piques de iniciarse, cando Luis Avilés decidiu que viviría por e para o cine. Entón tiña 10 anos e seu pai non dubidou en apoialo para facer realidade aquela ilusión que xerminou nos cines de Cali. Agora, 34 anos despois, xa é un director consagrado na escena galega con dous documentais, unha curtametraxe, unha longametraxe e dous proxectos máis, xa filmados, que verán a luz no 2015.

A filmografía de Luis Avilés está pensada e realizada, a súa maior parte, en galego con algúns dos actores senlleiros da escena autonómica. Antonio Durán, Morris, ou o falecido Xosé Manuel Olveira, Pico, forman parte do elenco que dixo si ás propostas deste noiés que creceu entre os versos que fixeron de seu pai, Antón Avilés de Taramancos, un dos grandes das letras galegas.

Foi precisamente a figura do gran poeta noiés, en 1995 e tres anos despois de morrer, a que protagonizou o primeiro traballo deste precoz cineasta: o documental Historia dun periplo. Logo chegou A Subela, no 2003, e, no mesmo ano, O regreso permanente, outro documental sobre seu pai, neste caso para a televisión pública de Galicia. Na pequena pantalla, e para a mesma cadea, tamén acumula centos de horas de voo con dous programas de éxito que aguantaron anos na grella.

A consolidación

Retornos, o seu primeiro título de longa duración, viu a luz no 2010. Noia e a súa contorna son algúns dos escenarios que se mostran nesta cinta, que foi incluída nas seccións oficiais dos festivais internacionais de Sao Paulo e Valladolid. Agora, con 45 anos, unha película-documental e outra curtametraxe en capela, Luis Avilés explica que «o feito, ben feito está», en alusión á súa progresión no audiovisual patrio.

«Estou orgulloso da traxectoria que levo. Cada traballo que fago é por necesidade ou inquedanza, e sempre boto o resto, dou todo o que teño para levalo a cabo. Educáronme así, e os meus pais predicaron co exemplo. Entón é normal que loite por sacar adiante as miñas ideas», explica Luis Avilés cando se lle pregunta polos seus inicios e como facía entón, con menos de trinta anos, para convencer aos mellores actores galegos para que se sumaran os seus proxectos.

A percepción que ten este noiés do cine vai moito máis alá do enaltecemento persoal. Dende hai anos colabora con centros educativos para que os alumnos coñezan como se fai unha película, «sobre todo para formalos e que teñan unha base para ser críticos», explica.

Cofundador da Mostra

A necesidade de facer accesible a sétima arte á sociedade venlle de novo. Era 1999 cando monta, xunto con Ramón Campos e Ramón Agra, a asociación noiesa de cine Punto de Xiro, que pouco tempo despois acabaría organizando, pola súa conta, a primeira Mostra de Curtas de Noia. «Naceu como un espazo para ver curtas caseiras feitas na zona ou noutros sitios. De feito, o concepto actual da Mostra mantén ese espírito coa sección de curtas comarcais. Eu, de todas formas, xa propuxen que se leven cabo outras actividades, aínda que sexa no resto do ano, para acercar o cine á xuventude con talleres ou coloquios. E xente temos, xa que só en Noia hai dous institutos».

O que denotan as verbas de Luis Avilés é un afán por facer do cine algo universal, de promocionalo, de formar talentos dende as aulas para que cos anos conten cousas, en Galicia ou fóra. E de paso avivar unha industria, a audiovisual, que, como dicía el mesmo esta semana, «está peor agora que cando empecei e o malo é que non presenta síntomas de recuperación». Avilés, mentres, segue a loitar polos seus soños coa mesma forza que lle ensinaron, en Colombia, os seus pais.

LUIS AVILÉS BAQUERO DIRECTOR DE CINE

Luis Avilés ten 45 anos

A súa vocación foi canalizada no Centro de Estudios Cinematográficos de Cataluña durante tres anos.

O documental sobre seu pai Historia dun periplo (1995) foi o inicio. A Subela (2003), a primeira curtametraxe, e Retornos (2010), o seu debut cunha cinta de longa duración. Na televisión tamén acumula anos de experiencia.

No 2015 estreará a película-documental Os días afogados e a curtametraxe Unary.

orgullo barbanzano