Un recoñecido dinamizador cultural

BARBANZA

O mestre pontevedrés no acto de inauguración da praza Rafael Dieste de Rianxo, que tivo lugar a comezos dos anos oitenta.
O mestre pontevedrés no acto de inauguración da praza Rafael Dieste de Rianxo, que tivo lugar a comezos dos anos oitenta. xesús santos< / span>

O mestre é valorado na comarca pola súa implicación na posta en marcha do museo Valle-Inclán e polo traballo que desenvolveu a prol da divulgación dos escritores da zona

16 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando, hai un ano, a Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas deste 2015 a Xosé Filgueira Valverde xerouse unha polémica da que esta comarca non é allea. Os intelectuais de Barbanza recoñecen a existencia de sombras na traxectoria do mestre pontevedrés, pero destacan o gran traballo que fixo como dinamizador das letras. Valórase, sobre todo, a súa implicación na posta en marcha do museo Valle-Inclán da Pobra e o traballo que levou a cabo para divulgar a obra de distintos autores da zona.

A torre de Bermúdez pobrense foi de feito testemuña muda de varias das visitas que Xosé Filgueira fixo a Barbanza. O mestre pisou o emblemático edificio tal día coma hoxe, en 1987, para acudir á inauguración do museo dedicado ao creador do esperpento. O director da sala, Antonio González, lembra o traballo que o homenaxeado co Día das Letras fixo: «Xunto con Carlos del Valle-Inclán, o marqués de Bradomín, Filgueira estivo loitando ao longo dun lustro para que o museo viñera para A Pobra».

Xosé Filgueira xa estivera previamente no Caramiñal, con motivo da apertura dunha exposición de gravados de Goya promovida por el e repetiu ao pouco de abrir o museo dedicado ao autor de Luces de bohemia para inaugurar unha mostra fotográfica que percorría a traxectoria do escritor. A finais da década dos oitenta, o mestre pontevedrés tamén quixo estar presente no lanzamento de La Puebla del Caramiñal. Un mirador sobre la ría de Arousa, unha obra de Manuel Domínguez Gontán editada pola Deputación coruñesa.

Antonio González garda un bo recordo do intelectual coñecido coma o vello profesor: «Arroupou a creación do primeiro museo dedicado a Valle e elixiu A Pobra para ubicalo, en contra dos que querían levalo para Madrid. Destaca tamén a localización dun retrato de Fernández Varela asinado por Vicente López.

Vínculos con Rianxo

O historiador Xesús Santos tamén fai fincapé no traballo de divulgación do patrimonio cultural que levou a cabo o homenaxeado nesta edición das Letras Galegas. O rianxeiro lembra que o coñeceu da man de Faustino Rey Romero: «El era amigo de todos os galeguistas e eu así o lembro. É certo que suavizaba posturas, pero hai que ter en conta o escenario da época».

Santos coincidiu en varias ocasións con Filgueira Valverde. Unha delas, a comezos da década dos oitenta, con motivo da inauguración da praza dedicada a Rafael Dieste, un gran amigo del. Pouco despois, o mestre pontevedrés regresaría ao berce do autor de A fiestra baldeira para descubrir unha placa na súa honra. Por riba dos claros e dos escuros que lle atribúe, o historiador rianxeiro destaca o traballo como investigador que fixo o vello profesor. Fai fincapé no intenso labor de divulgación de Martín Torrado, o poeta de Leiro.

Tamén Manuel Velo, sendo rexedor de Boiro, coñeceu e convidou ao escritor á inauguración da casa de cultura da Cachada, no ano 1987. Lembra del «a obsesión que tiña polo patrimonio cultural, era o seu tema de conversación». Un ano antes, o pontevedrés estivera en Ribeira, arroupado polo seu amigo Carlos García Bayón, para ler o pregón das festas de verán.

Na súa calidade de divulgador das letras, Xosé Filgueira pisou en varias ocasións a vila noiesa. Xesús Laíño, o presidente de Barbantia, ten constancia de charlas que ofreceu nos anos 1930, 1972, 1980, 1982 e 1994, esta última sobre os músicos do pórtico de San Martiño e as anteriores sobre temas diversos como a lírica medieval, a filatelia ou Alfonso X en Galicia.

Laíño coincide co resto dos consultados ao recoñecer a existencia de luces e sombras na traxectoria do vello profesor: «Hai un debe produto do franquismo e hai un haber como investigador e como escritor que é importantísimo».

a pegada de xosé filgueira valverde en BArbanza