«Existe unha máis que evidente falta de compromiso político co rural»

BARBANZA

ALEXIS REY

Arcos denuncia o escaso reflexo que ten a lei de igualdade na realidade

01 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

É a máis nova de sete irmás e a única que, por avatares do destino, non naceu en Mazaricos. Impediullo a construción do embalse da Fervenza debaixo do que quedou a casa familiar e que forzou a saída de seus país cara Compostela. Pese a todo, Rosa Arcos Caamaño non agocha uns emotivos vínculos con este concello, lugar no que seguen a residir a maior parte dos seus achegados. Ese apego cara o mundo rural converteuno tamén na súa profesión porque preside, dende o momento mesmo da súa creación, a Federación de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), unha entidade que engloba a máis de setenta asociacións e 15.000 mulleres.

-¿Cales son os principais eixos de traballo de Fademur?

-O noso obxectivo principal é, fundamentalmente, o de darlle voz, espazo e visibilidade ao traballo das mulleres que desenvolven a súa vida no rural.

-¿E como se consegue iso?

-Pois a través de distintas liñas de actuación. Traballamos dende a base, axudando na constitución de asociacións e no seu posterior funcionamento. Facemos actividades formativas, preparamos proxectos, tramitamos subvencións, promocionamos produtos e, en xeral, levamos a cabo calquera iniciativa que axude a converter ao colectivo no centro da vida económica e social das vilas e aldeas.

-Leva máis dunha década presidindo a federación. ¿En que cousas se avanzou máis durante todo este tempo?

-Seguimos en clara desvantaxe pero o certo é que as cousas, en moitos aspectos, cambiaron moito e para ben. Hai moitas máis mulleres ao fronte de explotacións e cada vez máis apostan polo rural con proxectos emprendedores no eido dos servizos, a artesanía ou a elaboración agroalimentaria. Tamén se mellorou moito, aínda que de xeito desigual dependendo das zonas ou idades, noutros eidos importantes como a formación ou o acceso á tecnoloxía. Lamentablemente noutros aspectos as cousas seguen indo bastante mal.

-¿Como por exemplo?

-Pois, por exemplo, no escaso reflexo que ten na realidade a igualdade que se nos recoñece na lei. Seguimos igual de mal en aspectos como os salarios, as pensións, o recoñecemento social, a presenza na vida pública ou a lacra da violencia de xénero. As mulleres rurais tamén percibimos retrocesos importantes en servizos públicos como a sanidade ou a educación. Por non falar da Lei de Dependencia que chegou ao rural moi limitada.

-Falando da educación, dende Fademur fixeron unha campaña moi activa en favor do mantemento da escola rural en Galicia. ¿Que futuro lle agarda ao ensino neste entorno?

-Cremos que non vai ser posible atallar os máis graves problemas do rural que son o envellecemento e o despoboamento, se non facilitamos que as familias vivan dignamente e con acceso a servizos clave como a educación ou a sanidade. Se os poucos nenos e nenas que hai no rural non teñen acceso no seu entorno a unha boa educación, o que acaba marchando é a familia enteira. A escola rural é un elemento vertebrador que axuda a asentar poboación, por iso hai que ter en conta aspectos como a dispersión ou as vías de comunicación á hora de establecer determinados ratios no ámbito educativo. Entre todos debemos atopar a maneira de manter as escolas rurais, o noso futuro depende moito deso.

-A maioría dos concellos sufre un preocupante proceso de despoboamento. ¿Que se pode facer para frear esta sangría migratoria?

-A maiores de apostar pola calidade de vida a través do mantemento dos servizos públicos, é fundamental apostar por sectores produtivos como o agrícola, o gandeiro ou o forestal. Vivir da terra non pode converterse nunha tarefa para heroes.

-¿Segue faltando unha maior dignificación da profesión, non cre?

-Por suposto. Hai que dignificar a profesión e recoñecer dunha vez por todas o valor engadido en calidade de vida que aportamos ó conxunto da sociedade. Non hai que esquecerse de que nós vertebramos, protexemos e conservamos o entorno, producimos alimentos de primeira necesidade e de primeira en calidade, conservamos e preservamos a tradición e o patrimonio. O único que pedimos a cambio son prezos dignos, estables. En definitiva una salario digno polo noso traballo.

-Semella xusto e doado. ¿Por que non se consigue?

-Creo que existe unha máis que evidente falta de compromiso político co rural e coa actividade que se desenvolve nel. Cada ano, dende hai xa demasiados, desaparecen en Galicia entre mil e mil cincocentas explotacións agrarias sen que ninguén se teña alarmado. Se isto pasase no sector do automóbil, do naval ou dos servizo públicos, por exemplo, estaríamos botándonos as mans á cabeza.

-Fálase das inmensas posibilidades que permite o rural. ¿Por que non se aproveitan?

-Tamén por escasa vontade dos nosos gobernantes. A ausencia de políticas públicas de apoio ó rural están deixando un panorama, en certa medida, desolador, abocando á xente a facer un maior esforzo para saír adiante. Moitos non aguantan e vense na obriga de marchar en busca de mellores oportunidades.

ROSA ARCOS CAAMAÑO PRESIDENTA DA FEDERACIÓN DE MULLERES RURAIS DE GALICIA

«Somos un piar fundamental nas explotacións, pero non temos tal recoñecemento»

Aínda que recoñece pasar por Mazaricos moito menos do que lle gustaría, Rosa Arcos Caamaño di estar en contacto con toda a realidade da terra orixinaria da súa familia, grazas en boa parte ás redes sociais. Coñece perfectamente as potencialidades do termo municipal e tamén o papel que xogan as mulleres no eido socio-económico, que é fundamental.

-En municipios eminentemente gandeiros, como é o caso de Mazaricos, a figura da muller resulta determinante. ¿Considera que se valora na xusta medida a súa achega?

-Non. As mulleres somos un piar fundamental das explotacións agrarias, pero non temos tal recoñecemento. Comezando porque en moitos casos nin sequera estamos cotizando, a pesar de dedicarlle moitas horas á actividade agraria. Todo ese esforzo é invisible. Pero tamén porque ese traballo, silenciado e invisible, serve para que outras actividades si se vexan, aínda que algúns non se dean conta.

-¿A que se refire?

-Por exemplo, nas recentes tractoradas celebradas en Galicia algúns medios dixeron que non había mulleres sen caer na conta de que para que os homes puidesen estar alí, nós estivemos facendo o noso traballo e o deles na explotación.

-En 2011 aprobouse a normativa que regulaba a titularidade compartida das explotacións. Unha iniciativa pola que loitaron moito e que, sen embargo, segue sen dar os froitos que se esperaban. ¿Que está a suceder para que siga sen recoñecerse o papel da muller na titularidade das ganderías?

-O fracaso desta lei débese fundamentalmente a unha falla de compromiso coas políticas de igualdade e co medio rural. É unha moi boa lei, que está sendo referente para outros países e que, lamentablemente, o Goberno decidiu, por cuestións económicas e ideolóxicas, meter no conxelador, impedindo con elo que moitas mulleres melloren a súa posición laboral e social e con elo a do seu entorno. É unha lei igualitaria, que aporta dereitos, seguridade xurídica e recoñecemento socio-laboral. Foi aprobada no Congreso dos Deputados e no Senado por unanimidade, que non funcione non ten máis explicación que a falta de vontade política de levala a efecto.