Das nosas Grañas e dos grañudos de Covelo

ISABEL SANTOS

BARBANZA

18 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha graña é «unha extensión grande de monte baixo», ou un terreo cercado coas construcións típicas das granxas e unha vivenda. A etimoloxía parece indicar «graneam» do latín vulgar, derivado de «granum». Xa o corrobora Fernando Cabeza Quiles: A Graña é un topónimo que dá conta das construcións agropecuarias; e engade que en moitas ocasións son rexentadas por monxes labregos para fornecemento dos mosteiros.

Temos A Graña nas parroquias de Cures (Boiro) e de Carreira (Ribeira). Aínda que non estamos en territorio de grandes cenobios, si temos restos de comunidades modestas: mosteiro da Miserela, mosteiro de San Antonio do Xobre, e priorado da Mercé (todos no concello da Pobra) e, un pouco máis lonxe, o destacado mosteiro de Toxosoutos.

Sospeito que o mosterio de referencia d´A Graña do concello de Covelo (Pontevedra) podería ser o poderosísimo d´A Franqueira. A súa poboación conserva o barallete dos grañudos e unha identidade que se perpetúa dende o século XV, cando quizais fuxisen da comarca do Ribeiro os seus antepasados xudeus cara a un lugar tan árido como fermoso.