«É necesaria a asociación porque a unión fai a forza»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carmela Queijeiro

Leva trinta anos dedicado á atención de emerxencias e xa é unha referencia a nivel coruñés

07 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacho Pérez é unha desas persoas que nesta comarca xa non precisa presentación. Gañouno a pulso despois dunha vida dedicado á atención de emerxencia, primeiro na Cruz Vermella e logo en Protección Civil, ata que a loita que encabezou trala supresión dos antigos Grumir frutificou e levou a Boiro a contar cun grupo de emerxencias propio. Di que é cando bota a ollada atrás cando se dá conta do tempo transcorrido desde que sendo un mozo empezara a colaborar, pero segue mirando adiante e ao que queda por facer, tanto no seu municipio como a outros niveis, por iso participa activamente na Asociación Provincial de Protección Civil, dentro da que vén de ser reelixido como vogal da súa directiva.

-Non lle chega ben co traballo que ten en Boiro que tamén asume responsabilidades na asociación provincial...

-Xa estaba na directiva anterior e estou a gusto, con xente coa que traballei hai moitísimo tempo atrás. O presidente, José Antonio González del Oso, de Muxía, empezou canda min hai trinta anos sen ter medios ningúns. Ademais, sempre se van conseguindo cousas... Para Boiro ter un grupo de emerxencia estable é importantísimo.

-¿É crucial o apoio da asociación para ir conseguindo logros a nivel local coma o de Boiro?

-É necesaria a asociación porque a unión fai a forza, é moi positivo que a Administración vexa que hai unidade. Unha porcentaxe moi elevada das agrupacións locais da provincia están na entidade (son 68 en total), e as da comarca están todas. Aquí traballamos moi ben xuntos, no Barbanza somos moi ben levados.

-¿Como nace a entidade? ¿Desa necesidade de unidade?

-Os máis veteranos, os vellos como digo eu, que somos os que estamos nisto desde os anos noventa, cando Protección Civil empezou a funcionar dependendo da Xunta de Galicia, comezamos a falar da posibilidade de facer algo conxunto e pareceunos positivo. Xa hai anos, no 97 ou por aí, tivemos algunha reunión para facer algo parecido a nivel de Barbanza.

-¿Cal é a función da asociación provincial?

-O máis importante da asociación é o vínculo coa Administración. Pouco a pouco a entidade foi collendo forza e agora é a propia Xunta a que chama para pedir consello. Tamén é a forma de xestionar os recursos, en lugar de chamar a cada agrupación, a Administración ponse en contacto coa asociación, reunímonos e dicímoslle á consellería que é o que necesitamos. Por exemplo, os remolques que se distribuíron ultimamente foron feitos a medida segundo as nosas peticións. Antigamente, ían dando material pero moito nin sequera o utilizabamos, había concellos de interior, sen embalses nin nada, aos que se lle daban lanchas. Iso agora non pasa. Cada vez hai menos recursos e hai que administralos moito mellor.

-¿Que outras cuestións dependen da entidade coruñesa?

-Tamén se promoven cursos de formación para voluntarios en contacto coa Academia Galega de Seguridade Pública, abórdanse cuestións de coordinación, operativos... Temos varias reunións ao ano para ir informando do que hai e dos problemas ou necesidades que poidan xurdir.

-¿É a asociación a que coordina as intervencións en caso de grandes emerxencias ou alertas por fenómenos meteorolóxicos?

-Cando hai alertas por chuvia ou vento, o 112 chama directamente aos concellos afectados, pero a asociación si actúa como coordinadora cando son actos que están previstos, como por exemplo cando o papa visitou Galicia. Cando é así, chámase directamente á asociación provincial para reunir ao persoal e coordinarse cos distintos corpos de seguridade que participen no operativo.

-Pertence á Asociación Provincial de Protección Civil, pero vostede é o responsable dun equipo de emerxencias que non está formado por voluntarios...

-Na entidade tamén está xente dos grupos municipais coma o noso, pero o groso dos seus integrantes son voluntarios. Á fin e ao cabo, a parte do noso traballo, nós tamén somos voluntarios.

«Cada vez hai menos recursos e hai que administralos moito mellor»

«Unha porcentaxe moi elevada das agrupacións da provincia están na entidade»