«Estamos nesa fase na que as persoas son o obxecto do modelo de municipio»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carmela Queijeiro

Asegura que os proxectos do novo plan europeo, Edusi, permitirán un cambio total na imaxe da cidade

23 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa mente centrada nos retos que ten por diante, Manuel Ruiz ten claro que este será o seu último mandato como alcalde ribeirense e que durante o mesmo debe materializarse o modelo de municipio que o levou a plantexarse a súa entrada na política municipal. Ribeirense de nacemento e vocación, tiña claro antes de coller o bastón de mando cara onde debía mudar a fisionomía urbana da capital barbancesa e asegura que se trata dun deseño «que se pode levar a cabo en oito anos». Dende logo, o feito de contar con dúas inversións potentes, como os sete millóns do Ribeira Atlántica e, agora, os seis do Edusi, axuda moito á hora de plasmar nas rúas o que xa ten un deseño virtual.

Pese a ter un debuxo claro, Ruiz Rivas ve o Edusi como o logro de todo o Concello e, por iso, a súa intención é adiantar prazos e rematar as obras xunto co mandato, pese a que o plan europeo vai máis alá do 2020: «Este é un proxecto desta corporación e debe rematar con ela».

-¿Que debe supoñer este novo investimento?

-É complementario do que se fixo anteriormente e permitirá redondear un proxecto. É a satisfacción dun ciclo cumprido.

-¿Sentará as bases da Ribeira do futuro?

-As bases da Ribeira do futuro tenas que marcar a planificación, pero está claro que debe definir o que vai ser o municipio. Quen vexa unha imaxe de Ribeira de hai medio século, de hai dez anos ou de agora mesmo pode apreciar os cambios. Estamos nesa fase na que as persoas son o obxecto do modelo de municipio; nunha fase na que se pensa máis na igualdade, na accesibilidade, na humanización. O eixe son as persoas e non outras variables.

-Incide na mobilidade e na accesibilidade, como o ven facendo nos últimos anos. É indubidable que se fixeron cousas, pero Ribeira continúa a ser un municipio dificilmente accesible

-Todas as cidades son difíciles porque, como a muller de Ulises, o que se tecía polo día destecíase pola noite. Facíamos moitas obras de accesibilidade e logo colocábamos mobiliario que reducía esa accesibilidade. Na mobilidade inflúen moitos factores e ata agora só se miraba cara un deles. Non se tiña en contra, por exemplo, a visibilidade, ou ás persoas maiores. Se a política de accesibilidade non está presente en cada acción acabas cometendo erros.

-¿Cal é a actuación que considera máis importante a realizar no Edusi?

-Todas son importantes porque son como pezas dun crebacabezas, pero a transformación da fachada marítima é un elemento que cambiará a imaxe do municipio e ter un local axeitado para agrupar servizos agora dispersos, como se quere no edificio de Hesta Curva, pode que sexan para min as máis destacadas.

-Para cambiar a fachada marítima fará falta algo máis que un Edusi, ¿non?

-Cando estean aprobados os proxectos do Edusi, as noticias sobre os acordos coas Administracións competentes farán palpable esa transformación.

-Supoño que o cambio ao que se refire está directamente relacionado co tráfico e iso tamén require dun cambio de hábitos por parte das persoas.

-Moitas veces, as obras que se realiza permiten modificar determinadas dinámicas. Os cambios nesa zona van facer que as persoas estean por riba da circulación rodada. Para o aparcamento tamén hai alternativas.

-Hai proxectos, coma o de Hesta Curva, no que parece que pode resultar máis difícil que a corporación chegue a un acordo.

-Coincidimos no fundamental e non creo que esteamos tan afastados. O importante é situar aqueles servizos básicos nos que todos coincidimos. O edificio ten zonas moi diferenciadas e creo que pode ter un auditorio e un conservatorio, e aínda ten varias plantas de 400 metros cadrados para outros usos. Sempre pensamos no casco urbano á hora de poñer os servizos, pero se miramos as matrículas do conservatorio vemos que a maioría son de rapaces que non viven no centro, que xa se desprazan en vehículo.

-¿Será este o momento de derrubar o auditorio?

-O plan de mobilidade prevé a apertura de distintas zonas cara o mar e unha delas é a do auditorio. Hai tempo que a metade do edificio non ten uso, polo que non debería supoñer tanto problema prescindir desa parte.

-Na elaboración da estratexia que permitiu a consecución dos fondos do Edusi favoreceuse a participación cidadá e asociativa, ¿no deseño dos proxectos vai ser igual?

-O proceso vai ser moi participativo, aínda que por cuestións de operatividade traballarase en comisións con representantes do tecido asociativo.

-O mercado de abastos foi a obra de referencia no Ribeira Atlántica, a reforma de Hesta Curva será a do Edusi. Facer edificios é relativamente sinxelo, o difícil é mantelos.

-O persoal vai estar máis concentrado e quedarán locais libres aos que se lles poderá dar outros usos. No que respecta ao gasto corrente, está pensado para que sexa un edificio intelixente. Un dos aspectos plasmados na estratexia do Edusi é que sexa enerxeticamente eficiente. Eu pretendo deixar en marcha para a seguinte corporación os grandes retos de Ribeira.

-¿Cando cre que poderá verse algunha actuación do Edusi?

-Espero que antes do verán, precisamos primeiro a aprobación do ministerio, pero este plan é menos pechado que o Ribeira Atlántica e o financiamento será máis cómodo. Eu agardo poder meter todo nos orzamentos no primeiro ano.

-Debe ser unha gran satisfacción ver que concellos máis grandes e con máis capacidade non foron capaces de lograr os fondos europeos.

-É un orgullo que cando te examinan esteas por riba deles. Iso demostra que Ribeira soubo facer ben as cousas. A nota de corte en Galicia estivo nos 60 puntos.