O libro «Elas», de Aurora Marco, e unha exposición de pintoras galegas chegan a Ribeira

La Voz

BARBANZA

30 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A actividade de Barbantia irrompe con forza en outono, como é costume, e tralo potente acto que este venres se desenvolveu en Rianxo, xa hai fixada unha nova cita, que será o vindeiro venres, día 4, no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira, onde se presentará o libro Elas, de Aurora Marco, ao que acompaña unha exposición de 38 cadros pintados por artistas galegas. O acto está fixado para as 20.30 horas, e intervirán o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas; a concelleira de Cultura, Fabiola García Martínez; o presidente da Asociación Cultural Brabantia, Xesús Laíño; o editor da obra, Xosé Manuel Calviño, e a propia autora.

Ao mesmo tempo que se presenta o libro de Arousa Marco, desde o mesmo venres e ata o 26 deste mes permanecerá aberta a exposición de cadros elaborados por Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiráldez, María Manuela, María Xesús Díaz, Novais, Sabela Arias Castro e Vanessa Lodeiro, que, a través da plástica, pretenden dar a súa visión da vida e da obra das mulleres galegas.

O libro Elas é unha compilación de biografías realizada por Aurora Marco coa que busca transmitir unha visión do papel determinante que as mulleres de Galicia tiveron en cada tempo. Segundo explica, o lector pode atopar biografías tan distantes como a de Exeria, que peregrinou a Terra Santa no século IV, ata Lola de Penelas, unha oleira que morreu no ano 1968.

O acto terá así mesmo un apartado musical, que desta volta encargarase ao grupo Barahúnda.