Actividades legais

BARBANZA

MATALOBOS

23 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

LINGUA PROLETARIA FRANCISCO ANT. VIDAL

Moitos xa saben que o amigo Xulio está preparando a súa xubilación e o que máis lle doe é que tras ese día que eufemisticamente se chama pasar a mellor vida, seguramente non poida seguir coas súas colaboracións periodísticas de un folio de extensión, polo que era gratificado con menos de dez euros unha vez descontado o correspondente IRPF, un «sobre soldo» que empregaba en mercar libros de segunda man, ir ó cine-club do barrio ou asistir a un concerto de música alternativa nalgún pub da cidade vella. A partir do seu 65 aniversario daralle as costas ás aulas do instituto e deixará de contar as súas experiencias sociais e políticas na prensa local por medo a perder a pensión.

Témeo porque houbo casos recentes que asaltaron por sorpresa a varios periodistas e escritores retirados (Peridis, Caballero Bonald, Javier Reverte, Gamoneda ou Eduardo Mendoza, entre outros) a quen lle negaron o subsidio por cobrar os dereitos de autor. E aí andan agora os de Cedro e as asociacións de escritores tratando de amañar o asunto, porque iso tamén veñen sendo os rendementos dunha vida laboral, e se un potentado xubilado pode recibir os beneficios das súas inversións na bolsa (contadas en millóns de euros) sen perder a paga pola que cotizou, ¿por que non ha de poder recibilas un cabeza pensante por manifestar as súas opinións, consellos ou simple espallamento público de datos culturetas (un par de centos de euros ó ano e con sorte), se tamén cotizou pola súa pensión de xubilación durante todos os anos que a lei esixe ou aínda algún máis?

Agora, de cara a tanto tempo libre que vai ter, o home argallou que tras colgar o barrete e a pluma por imposición legal, e non por gusto como os boxeadores as luvas, dedicarase a esa leira herdada de catro cuncas, e venderá as patacas que colleite na porta da casa, a un euro o quilo, por ser patacas do país, que aquí a xente éche moi nacionalista na cuestión dos produtos propios, e basta que se lle poña o epíteto de «país» ás patacas, ás sardiñas ou ás ameixas para que se vendan nun santiamén. Cincuenta quilos a un euro o quilo son cincuenta euros, polos que nin o ministro de facenda se vai molestar aínda que sexa diñeiro negro, e se cadra ata el pasará a mercalas, porque os produtos do país «made in Galiza» teñen moi boa prensa en Madrid. O único que molesta na capital do reino e na sede do arcebispado é que se cobre, aínda que sexa unha insignificancia, por opinar e sinalar as vergoñas de quen goberna. Xa se sabe que contra a liberdade de expresión está a lei da represión mellor ou peor camuflada.

A outra actividade que pensa levar a cabo o amigo Xulio será a de cortarlle a herba ás leiras de cada veciño que llo pida, cunha segadora eléctrica que mercou, e neste caso a súa tarifa será dunha ducia de botellas de viño da ribeira do Avia por ferrado, ou a súa parte proporcional por cunca. Que isto tampouco o ten en conta a facenda pública. Ambas as dúas son actividades legais e consentidas. O único ilegal seguirá sendo que un pensionista cobre por dar a súa opinión nun medio público, pois xa se sabe que os xubiletas teñen moito tempo para pensar e esbardallar. E o único acto cultural que se lles permite será a participación neses insulsos, restrinxidos e arcaicos certames poéticos, sempre e cando o premio non pase de ser unha flor natural.