A Mesa denuncia que o concurso para explotar o faro de Corrubedo exclúe o galego
BARBANZA
A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou a exclusión da lingua galega no prego de condicións administrativas para optar á explotación turística do faro de Corrubedo. Segundo apunta a organización, no documento elaborado pola Autoridade Portuaria de Vilagarcía, e publicado a semana pasada no Boletín Oficial do Estado, especifícase que «o promotor deberá dispoñer dunha páxina web en español e inglés», unha lingua esta última que tamén deberán manexar correctamente para poder atender ao turismo internacional.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, considera que «o galego, oficial na nosa comunidade, fica excluído de todo o documento e das condicións para obter a explotación do edificio turístico. Porén, un idioma estranxeiro posúe máis dereitos recoñecidos que a lingua oficial».