Pedro Nimo: «Correr é a droga máis potente e barata que se pode consumir»

BARBANZA

SANDRA ALONSO

O atleta asegura que traballar organizando a carreira fíxolle cambiar o seu punto de vista sobre estas citas

11 dic 2017 . Actualizado a las 18:59 h.

A Sin-Son 10K conta cun padriño de luxo, tanto pola súa categoría como deportista como pola súa implicación á hora de traballar na organización. Pedro Nimo del Oro (Santiago, 1980) móstrase orgulloso da carreira sonense e aposta por seguir innovando.

-¿Cales son as virtudes da Sin-Son para ter tanto tirón?

-A data é un acerto e que sexa en liña tamén. A loxística neste caso aínda é máis complexa que nunha proba en circuíto. Ademais, vas sempre mirando o mar e trátase ao corredor popular e ao federado de igual modo.

-Durante a presentación da cita dixo que era necesario innovar, ¿o segredo está en ofrecer algo máis que correr?

-Quen triunfa é quen ten unha idea distinta e moita xente pensa todos os días para atopar a fórmula do éxito. Creo que estaría ben falar cos locais hostaleiros e ofertar rutas gastronómicas ou facer un concurso de tapas de xeito paralelo á carreira.

-¿Por que optaron por incluír unha competición de patíns?

-Fai anos adestrei a un rapaz que competía en patíns e cando asistín á maratón de Berlín vin que se fai unha carreira para os patinadores o día anterior, así que pensei, ¿por que non na Sin-Son? Propúxeno e gustoulles a todos os compañeiros.

-¿Como será o trazado?

-O mesmo que para os corredores, pero eles sairán uns minutos antes. Intentamos involucrar aos dez clubs máis importantes e que sirva tamén para fomentar a unión dos deportes.

-A asistencia de atletas de nivel e campións como Iván Raña tamén é un atractivo máis.

-En poucas disciplinas comparten espazo os afeccionados cos profesionais. A xente corre e pregunta, o cal é bo.

-Saber que é unha proba de tanto éxito será unha responsabilidade para vostedes.

-Sen lugar a dúbidas. Desde as primeiras edicións os medos van cambiando, pasamos de preocuparnos pola cronometraxe a transmitila en directo. Facemos nunha vila coma esta cousas que se ven en carreiras de entidade.

-Correr está de moda, ¿por que?

-O máis duro é comezar e pasar ese mes e medio onde aparecen maniotas en zonas do corpo que non sabías que existían. Despois pasa a ser unha necesidade. Bótalo de menos se non o podes facer. Correr é a droga máis potente e barata que se pode consumir. Ademais pódese saír con máis xente, facelo falando... Serve para desconectar e tamén de escusa para reunirse cos amigos.

-Sendo padriño e responsable da Sin-Son, ¿como a vive?

-Fíxome cambiar o punto de vista. Cando só era atleta profesional foi unha etapa egocéntrica, xa que todo ten que adaptarse ao teu día a día. Despois de colaborar na organización sabes o difícil que é sacar adiante probas coma esta. Ensinoume a valorar máis o traballo dos outros.