Francisco Canosa: «A duna de Corrubedo será no futuro unha montaña cuberta pola vexetación»

BARBANZA

Di que a prohibición de pisar o montículo freou o seu proceso de erosión
09 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Un cento de persoas conmemorarán este fin de semana o Xeolodía en Barbanza, visitando paraxes coma o parque natural de Corrubedo e o monte de A Curota. As prazas dispoñibles para a actividade, que ten carácter gratuíto, cubríronse en cuestión de minutos, o que proba o interese que o tema esperta. Á fronte das dúas expedicións programadas, unha para o sábado e outra para o domingo, situarase o xeólogo Francisco Canosa, integrante da Asociación Española para la Enseñanza de Ciencias de la Tierra.
-¿A que se debe a elección de Barbanza para a celebración do Xeolodía?
-Barbanza foi elixida pola súa relevancia a nivel xeolóxico, que xira ao redor de tres eixos fundamentais: a serra, o río Pedras e o complexo dunar de Corrubedo.
-¿Podería dicirse que hai unha razón xeolóxica detrás da beleza paisaxística de Barbanza?
-Á hora de ensinar a formación do relevo en Galicia, que segue o sistema dos bloques ou das teclas dun piano, sempre se utiliza como referencia a serra de Barbanza. É unha tecla elevada que contrasta con antigos vales, que eran o Tambre e o Ulla, que posteriormente, co aumento do nivel do mar, deron lugar ás rías de Arousa e de Noia.
-En canto ao complexo dunar de Corrubedo, ¿cal é a súa importancia a nivel xeolóxico?
-A duna sempre foi un referente nos estudos da costa española, pero estamos percibindo síntomas de que a súa condición de móbil está desaparecendo porque non lle chega a area da praia.
-¿Que vai acontecer no futuro con esta duna?
-A duna de Corrubedo será no futuro unha montaña cuberta pola vexetación. É difícil saber cando ocorrerá, pero non tardará moito, será cuestión dunhas décadas. De feito, non lle quedan moitos anos de mobilidade e entón comezará ese proceso de asentamento da vexetación.
-¿Acelerou este proceso, como pensa moita xente, o feito de que se prohibise pisar a duna?
-Ao contrario. Colegas da USC fixeron estudos que poñen de manifesto que ese pisoteo influía negativamente na duna, pero hai outros motivos relacionados con esa regresión e en todos está detrás a man do home. Un son os encoros, pois provocan que a area resultante da erosión das montañas xa non chegue ás praias; e outro, os usos do terreo. Nas zonas rurais xa non hai cultivos e a vexetación coloniza todo, evitando as escorrentías e o traslado de sedimentos desde o interior cara as praias.
-¿Considera entón que a prohibición de pisar a duna foi unha decisión acertada?
-A prohibición favoreceu que o proceso de erosión non fora a máis. Se esa decisión non se tivese tomado, a duna tería perdido máis altura.
-¿Como se creou esa gran duna?
-Formouse a partir da area da praia que, co vento, foi trasladada cara o continente. Os estudos revelan que quizais había un obstáculo físico, coma un outeiro, que evitou que a area penetrara máis na terra. Ese obstáculo, que exerceu de muro, non o vemos porque está debaixo da area.
-E a serra de Barbanza, ¿cal é a súa principal característica a nivel xeolóxico?
-O río Pedras, que é totalmente lineal, seguindo unha zona de fractura que aproveita para ir labrando o seu val. No seu leito destaca a cantidade de pías e marmitas de xigante (coñecidas como pozas) formadas pola erosión.
-¿Cal foi o proceso de formación da serra?
-Formouse en diferentes etapas. As rochas metamórficas apareceron cando Galicia se atopaba no hemisferio sur, no fondo do océano. Despois, debido ao movemento de placas tectónicas, o territorio chegou á zona do ecuador e a colisión de dous continentes xerou unha gran cordilleira. Aí é cando aparece o granito, debido á fundición de parte das rochas metamórficas. Na época dos dinosauros, esas pedras quedaron arrasadas pola erosión. Logo, no proceso de formación dos Alpes, Barbanza volveu a rexurdir, dotándose do aspecto actual. Iso ocorreu hai uns 60 millóns de anos.