Ribeira mergúllase de novo no eido literario

La Voz

BARBANZA

cedida

Paula Carballeira lerá o pregón dunha cita con charlas, espectáculos, seis postos e unha biblioteca

15 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 21 ao 24 • Praza do Concello de Ribeira • De 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas • Tal e como ven sucedendo desde hai tres anos, os ribeirenses terán ocasión de mergullarse no mundo da literatura ao longo de catro días. Será con motivo dunha nova edición da Feira do Libro que promove a Federación de Libreiros de Galicia. Nesta ocasión serán seis os postos (Deputación da Coruña, Arigató, Pedreira, Cortizas, Aenea e Ler) que se instalarán na Praza do Concello, espazo que dará cabida a presentacións de libros, espectáculos infantís, charlas, sinaturas de volumes, unha biblioteca que instalará o Concello e un espazo de literatura fantástica montado por Urco Editora.

Xosé Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia; Jesús Espada, xefe do Servizo de Coordinación da Área de Cultura da Coruña; Goretti Sanmartín, deputada provincial; e Herminia Pouso, concelleira de Cultura, presentaron onte o programa.

Arranque

Entre as actividades programadas para a xornada de arranque da feira atópase unha visita guiada por Fátima Fernández, na que participarán alumnos do colexio O Grupo; e o pregón a cargo de Paula Carballeira, que estará arroupada, musicalmente, polo Rueiro dos Fillos de Palmeira. Xa pola tarde, Fátima Villamel ofrecerá un espectáculo de narración oral para bebés e Pacó Lobatón presentará Te buscaré mientras viva.

Aínda que as casetas abrirán de novo o venres ao mediodía, as citas dese día arrancarán ás 18.00 horas. Consistirán na actividade infantil Libros comestibles con mensaxe, coa cociñeira Tomasa; a presentación de ¿Por qué maltratas tu planeta?, do palmeirense José Vicente Domínguez; e un coloquio a cargo dos autores locais Antonio Tizón, Francisco Sánchez Fraga e Xosé Antonio Ventoso.

Os convidados do sábado serán Maite Mosconi e Rocío López, que asinarán exemplares das súas obras Gaedheal. Libro de las invasiones 1 e Nunca fuimos buenos; e Paco Cerdeira, que deleitará aos cativos coa montaxe As parábolas de Pakolas.

De novo, a literatura local volverá a cobrar relevancia a través dun coloquio no que participarán os autores Carlos Callón e Carlos Lixó, que será moderado por Manuel Cartea, presidente da asociación Barbantia. A penúltima xornada da Feira do Libro concluirá coa presentación de Galeguia de Manuel Miragaia, a cargo de Chiado.

Peche

Antes do peche, a feira brindaralle aos veciños a posibilidade de sumarse a outras catro actividades o domingo. Trátase das presentacións de O valor das palabras, a cargo da Asociación Galega de Enfermidades Neuromuscuales; Camiños, con Maxín; e La aldea de Silvia Salgado Sevillano, de Siete Islas.

O colofón será un acto, ás nove da noite, no que se lembrará a un escritor local falecido recentemente, Plácido Betanzos.