Amor e humor para abrir as festas de Ribeira da man de Touriñán

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O pregón do actor estivo salpicado de anécdotas e recomendacións

02 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sendo Xosé Antonio Touriñán o encargado de dar o pregón de inicio das festas de Ribeira, a ninguén colleu por sorpresa que a comedia fora a protagonista dun discurso no que houbo moito humor, e tamén moito amor. Porque, para el, as celebracións son un período idóneo para o amor, e para que non falte deu uns cantos consellos.

Á fin e ao cabo, «a saber cantos de vós sodes fillos da Dorna e das festas do verán. A festa e o calor sempre dan máis alegría para esas cousas». Aínda que fixo un breve repaso, aportando o seu selo persoal, de datos históricos sobre Ribeira, como a súa declaración como cidade en 1906, Touriñán recoñeceu que para falar desas cousas «é mellor outra xente, e ademais despois de tantos pregóns ¿que vou contar eu?». Así que «o que podo é dar recomendacións para as festas, de vestimenta, para comer e para beber e, sobre todo, para que ninguén deixe de facer o amor».

Saudou aos veciños de cada unha das parroquias e non esquivou a polémica sobre o topónimo da cidade, rompendo unha lanza a favor da singularidade: «Riveira con uve só hai unha no mundo e paréceme marabilloso». E como gran coñecedor do municipio e dalgúns dos seus veciños máis ilustres proseguiu contando anécdotas dos seus anos mozos como dorneiro «aínda que non me acorde moito», apuntou; da súa relación cos Heredeiros, da visita que fixo aos ribeirenses afincados en Newark ou da súa amizade con Quico Cadaval.

Programa de hoxe

Tralo pregón que deu por inaugurada unha nova edición das celebracións estivais de Ribeira, estaba previsto que as orquestras Kubo e Canela puxeran a bailar a veciños e visitantes nunha verbena que, segundo o horario marcado no programa, ía prolongarse ata ben entrada a madrugada.

Sen demasiado tempo para o descanso, hoxe a festa continúa. Ao mediodía terá lugar a actuación de Amontonados por Azar e ás oito do serán haberá unha clase aberta de zumba e bodyjump.

Os pratos fortes chegarán pola noite, primeiro con Cristina Pato e logo co Festival de Bandas Locais, no que actuarán Cromer e Dislexia, trala renuncia dos grupos que ocuparon o segundo e terceiro posto no certame, Sweet Lemon Days e Xeva.