Adeus a Sito Sedes, emblemático cantante de Los Satélites

Iago García
IAGO GARCÍA LA VOZ

CULTURA

Sito Sedes actuando en 2022 nas festas do Rosario de A Coruña, cidade na que residía
Sito Sedes actuando en 2022 nas festas do Rosario de A Coruña, cidade na que residía MARCOS MÍGUEZ

Un repentino infarto do naronés provocou esta mesma tarde o seu falecemento. Foi unha das principais figuras da canción popular galega, percorrendo verbenas antes do actual boom de orquestras como a Panorama ou a París de Noia

24 jul 2024 . Actualizado a las 20:26 h.

Pesar no mundo da canción polo repentino adeus a Sito Sedes. O cantante naronés, nado na parroquia de Piñeiros en 1946, sufriu un infarto que provocaba a súa morte na tarde deste mércores en Ferrol. O seu falecemento sorprendeu ao mundo da cultura galega, xa que aos seus 78 anos aínda participaba activamente en diferentes eventos musicais e televisivos. De feito, este mesmo mes, o 9 de xuño, subía ao escenario na localidade ourensá de Carballiño, na que finalmente foi a súa última actuación en público, na xuntanza que fixo cos seus ouvíntes o programa nocturno da Radio Galega Pensando en ti

Sedes non foi o fundador da mítica orquestra Los Satélites, cuxo comezo data de 1938, pero pasa á historia coma un dos grandes responsables, especialmente na década dos 70, do fenómeno da verbena, que hoxe herdan formacións como a orquestra Panorama. Con Sito como cantante, a formación tamén gravou os seus primeiros discos, convertindo así a súa voz na máis lembrada desta coñecidísima agrupación musical, que cada verán percorre parroquias de Galicia e municipios da península cos seus concertos. En 1983, mesmo chegou a ser a orquestra titular do programa musical de TVE Aplauso

O legado de Sedes vai máis aló da música, xa que coa chegada da Televisión de Galicia, participaría en numerosos programas musicais da canle autonómica, sendo ademais produtor nesta cadea de distintos espazos informativos e formatos.

Recentemente foi entrevistado no magazine Xuntos e con periodicidade era convidado a cantar cos membros actuais da orquestra para facer revivals de época. Como apaixoado da música, en Radiovoz colaborou en 2022 e 2023 no programa Con Voz de sábado, lembrando cos ouvíntes cancións cheas de nostalxia.       

Entrevistado en La Voz en 2023, aínda se amosaba en activo por completo, especializado no xénero dos boleros: «Neste estilo estou moi cómodo». En 2021, medio século despois do seu debut nun escenario, falaba da música coma «o maior regalo do ceo».

Mensaxes nas redes sociais

A sorpresiva marcha do pai da verbena galega, un galán da música, provocou infinidade de mensaxes no eido cultural. O cantante é pai ademais do director e realizador Carlos Sedes, responsable do gran éxito de Netflix esta temporada, a serie El Caso Asunta. Antes triunfara con Fariña. Para TVG Carlos realizou entre outras A vida por diante ou Padre Casares. E precisamente dende o audiovisual sucedéronse diversas reaccións nas últimas horas. «Ata sempre», escribiu o actor Fede Pérez nun tuit. Na plataforma X, tamén o presentador Paco Lodeiro confirmaba o seu falecemento: «queda a súa voz pero quedamos sen o seu amor», sinalaba quen colaborou con el nun disco. Moncho Lemos, crítico musical da Radio Galega, sumábase ás condolencias «impactado».

Entre os representantes políticos, o secretario xeral do PSdG-PSOE, Xosé Ramón Gómez Besteiro falou del como «alma da verbena galega». Tamén Inés Rey, alcaldesa da Coruña, lembrou ao naronés, residente no barrio dos Castros da cidade herculina durante décadas: «Dicimos adeus a un dos grandes da música e da verbena que tanto caracteriza á nosa cidade».

Precisamente un dos últimos proxectos musicais de Sito Sedes foi coruñés, participando na Blue Devils Big Band, que ofrece actuacións na sala Garufa da Coruña e, de cando en vez, en palcos de diferentes concellos. Sedes foi, xunto con Pucho Boedo, finado en 1986, un dos máximos expoñentes da canción popular galega e, nomeadamente, coruñesa. Boedo, antes de fundar Los Tamara, banda de pop noiesa que gozou de éxito nacional nos anos 60 e 70 tamén militou, coma Sedes, en Los Satélites.