Sito Sedes, o rei do bolero

Ramón Loureiro Calvo
Ramón loureiro FERROL / LA VOZ

CULTURA

EDUARDO PEREZ

Histórico integrante da orquestra Los Satélites, tiña unha voz irrepetible

24 jul 2024 . Actualizado a las 22:59 h.

Galicia vén de perder unha voz irrepetible. E tamén a un home bo. A un extraordinario ser humano que viviu ata o seu último día como o que el, por riba de calquera outra cousa, era: un auténtico artista. Sito Sedes, histórico integrante da orquestra Los Satélites e dono dunha voz que brillaba especialmente nos boleros, vén de falecer, inesperadamente, cando na súa vida artística —e tamén na persoal— reinaba unha nova primavera. Estaba feliz Sito. Volvera subir aos escenarios, colaborando con diversas formacións musicais e participando desinteresadamente nun sinnúmero de actos diferentes. E o público estáballe demostrando, unha vez máis, o moito que o quería. «Eu son un cantor», dicía sempre. E así, como un cantor, coma o cantor que el era, procede lembralo hoxe, cando acaba de marchar á outra beira do río na véspera dunha data que para el tiña un especialísima significación: o 25 de xullo, o Día de Galicia, a festa de Noso Señor Santiago.

Sito naceu no ano 1946 en Piñeiros, en Narón, pero a súa familia trasladouse enseguida a Sillobre, no municipio de Fene. Medrou no lugar de Pedre, apenas a un cento de metros do adro da igrexa de Santa Mariña, que era ademais o campo da festa. Un campo da festa que, para el, sempre foi un territorio máxico. Cando tiña, segundo el mesmo relataba, oito ou dez anos, un dos seus divertimentos preferidos era ir a unha horta próxima á da súa casa, á horta de Pepe de Angélica, fabricar un improvisado micrófono —por exemplo, co canoto dunha berza—, e xogar a ser o vocalista dunha orquestra. Cando o acompañaban varios amigos, incluso —como lembraba el tamén— montaban un palco de xoguete para cantar subido a el e intentar, así, que a súa voz de neno chegase un pouco máis lonxe.

Dos soños á realidade

Tivo claro desde o primeiro momento que quería cantar. Recordaba con especial afecto os días das romarías de San Ramón, en Sillobre, e os das festas da patroa, Santa Mariña. «Eses días —contaba Sito— a nosa casa estaba chea de xente. Viña xantar con nós a familia enteira. E, despois de xantar, á hora do café, meu pai cantaba, e cantaba moi ben, realmente moi ben. Eu —lembraba o artista— quedábame admirado, sentindo cantar a meu pai na casa. E despois, na verbena, tamén me quedaba coma hipnotizado, vendo as orquestras que viñan. Daquela —engadía— xa tiña moi claro o que quería que fose a miña vida: eu quería ser un cantor».

E non tivo que agardar moito. Nos anos sesenta, sendo aínda case un adolescente, os seus soños convertéronse en realidade. E a súa voz irrepetible (unida ao seu evidente encanto persoal, ao seu don de xentes) fixo que enseguida fose aclamado en Galicia enteira.

A chegada a Los Satélites

Primeiro cantou en formacións como a orquestra Atlantic de Pontedeume, a Sintonía da Coruña e o grupo Los Key, para desde alí pasar á súa orquestra de referencia, a Los Satélites. «Nunca esquecerei o día que me chamaron para formar parte dos Satélites —lembraba Sito—. Chamei por teléfono desde A Coruña a Sillobre, á Tenda de Doro, para ver se meu pai estaba alí xogando a partida, e cando llo contei, do emocionados que estabamos os dous, case me quedaba sen voz». Con Los Satélites protagonizou, nos anos setenta e oitenta, unha das grandes idades de ouro das orquestras de baile e gravou varios discos. Máis tarde pasou un tempo afastado dos escenarios, e traballou no ámbito da produción na televisión autonómica, pero coa chegada do novo século volveu, pouco a pouco, a cantar. E do mesmo xeito que el non defraudou ao público, tampouco o público o defraudou a el.

Sito foi o símbolo dun máxico tempo que xa non existe. E agora habita a eternidade, tamén.