A loitadora que emprega a literatura como arma

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Desde os eidos da investigación e da educación, busca nos libros a forma de mellorar o mundo

16 abr 2021 . Actualizado a las 21:31 h.

Poucos serían quen de pensar na literatura como arma para cambiar o mundo, pero María Eulalia Agrelo Costas (Rianxo, 1974) atribúelle ese poder, convencida de que os libros son capaces de transformar as persoas. É esa importancia que lle imputa á arte de escribir e de ler a que a levou no só a especializarse nesta rama despois de estudar Filoloxía, senón tamén a converterse en docente e en investigadora. Ansiaba formar aos mestres, consciente do seu importante papel como guías das novas xeracións, e quería tamén descubrir a orixe da literatura infantil e xuvenil en Galicia.

A iso se dedica a rianxeira desde a Universidade de Vigo, aínda que os seus comezos sitúana na de Santiago, institución coa que segue a colaborar de xeito moi activo. Foi alí onde outra barbancesa, Blanca-Ana Roig Rechou, lle amosou o camiño a seguir: «Convidoume a participar nun proxecto do Centro Ramón Piñeiro e desde aí tiven claro que o meu campo de traballo tiña que estar entre a investigación e a docencia». A paixón pola literatura xurdira nela sendo unha nena: «Un avó espertou o meu interese cos contos de tradición oral e logo, como en Rianxo non había librarías, encargáballe obras de Neira Vilas cando ía a Santiago».

Descubrimentos decisivos

Pero Blanca-Ana Roig fíxoa consciente de que os libros non eran só un produto cultural: «Decateime de que eran unha arma con sumo poder para transformarnos como persoas e que podían polo tanto axudarnos a cambiar o mundo, porque a literatura é unha fonte inesgotable de formación que, polo seu carácter transversal, pode influír sobre todo o currículo». Converteuse entón en investigadora, co propósito fundamental de desvelar as orixes da literatura infantil en Galicia e do xurdimento do traballo dos docentes nesta área, vinculado sobre todo á formación de lectores en lingua galega. Ansiaba tamén contribuír á posta en valor dun eido literario considerado periférico, aínda que é o que aviva o sistema editorial galego, debido sobre todo ás lecturas obrigadas durante o período formativo.

Co fin de sumar loitadores á súa batalla particular, a barbancesa compatibilizou esta faceta de investigadora coa de docente, acadando unha praza na Universidade de Vigo, onde exerce na actualidade. Alí contribúe a formar a futuros mestres, sempre trasladándolles ese gran poder que para ela ten a literatura: «O que máis me preocupa é conseguir fomentar o hábito pola lectura, que sexa vista como unha actividade produtiva e non como unha carga académica».

Para chegar ao punto actual da súa traxectoria, da que forman parte máis dun cento de publicacións, sen contar os artigos en revistas e xornais, e por riba de vinte proxectos de investigación, houbo un traballo que exerceu de pedra angular. Foi a tese de doutoramento ao redor da figura de Agustín Fernández Paz: «Levoume a facer unha revisión do sistema educativo e tamén a realizar un repaso e unha relectura da literatura infantil e xuvenil galega, desde as obras pioneiras ata a actualidade».

Eulalia Agrelo asegura que os libros de Fernández Paz exerceron nela ese gran poder que lle atribúe á literatura: «Por unha banda, fixéronme como persoa e, por outra, axudáronme a comprender que o docente ten que situar ao alumnado no centro e converterse no seu guía e acompañante».

Afán de continuidade

Quizais sería lóxico que, despois de ter afondado tamén no eido da literatura infantil e xuvenil, ela mesma se animara a escribir un libro deste xénero, pero semella que de momento esta posibilidade está descartada: «Ás veces si que teño esa inquietude, porque cando estou lendo penso que modificacións faría nos textos, pero eu formeime para ser investigadora e síntome moi motivada neste campo. Quizais, cando teña máis tempo».

Só aspira a seguir compatibilizando esa faceta de investigadora coa de docente: «Traballei case unha década en Secundaria, pero o meu obxectivo era a universidade. Lograda esa meta, considérome satisfeita». Por iso, Eulalia Agrelo afirma que non ten ambicións que vaian máis alá ca seguir desenvolvendo o seu traballo libremente, «buscando crear espazos educativos empáticos, de aprendizaxe viva, que me permitan transmitir a filosofía que teño ao redor do que ten que ser a escola».

Ao igual ca aos libros, a rianxeira atribúelle á formación un gran poder transformador: «A pesar de todo, sigo crendo que o sistema educativo é a chave fundamental para a consecución dun mundo mellor».