Bailarina espírito

ANTONIO PIÑEIRO

BARBANZA

26 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cheguei á nova sala-obradoiro de Goretti Bello contra as dez e media. Coma quen di, estaba comezando o día. Pero ela ía xa a pleno pulmón. Enriba da súa mesa de traballo, no medio e medio da exposición, había unha cunca de chocolate e as follas bosquexadas das súas novas obras. Decateime da deliciosa música que tiña posta de fondo. Moby. Creo que era Porcelain. Non o busquei. Só pensei que daba xenial coas paredes de branco e escaiola. Todas as súas obras van a semana que vén para Venecia -contoume-. Gustaron alí. Recordamos mutuamente que Venecia é a histórica fábrica de cristal. A laparada de cor e vidro, ao entrar, xa me predispuxera á súa apaixonante vivencia da arte.

Goretti xoga coa alegría. Xoga á alegría. Faino coa cor e o divertimento dos materiais. Emprega óleo, lápis de cor, rotuladores, lenzos, papel, cartón, fotocopias de gran formato, todo o que lle sexa acaído á preparación do que vai ser o vitral -dixo-. Utiliza un elemento arquitectónico para o mesmo para o que fora concibido na súa época. Para a luz, a espiritualidade, a fascinación e a celebración da alegría. Engádeo -matino- ao noso tempo como queréndolle devolver precisamente o que un pouco foi perdendo. Utiliza cores enérxicas, vivaces, motivacionais, abertas e moi próximas á escala primaria. Manexa esas cores con carácter, nunha exploración das posibilidades da harmonía, mais coa forza que decontado se transmite na síntese visual.

Temática moi nosa

Escolle, Goretti, unha temática que transporta a esa cor os motivos da cultura que a concibía na pedra. Unha temática moi nosa. Espirais, ondas, vexetais, círculos, cruciformes e símbolos, coma o da Tau, fusionando a súa tradición coa da cruz céltica.

Dispuxo no obradoiro unhas vitrinas que se nos antollan a obra viva da súa singradura. Amosa nelas os recortes de cristal-cor que deseguido poderemos ver integrando os traballos, pero que ela mesma considera xa obra.

Andando ese intre da mañá entre a conversa e a observación, a sorpresa foi definitiva ao sacar ela os seus cadernos preparatorios. Pregúntenlle por eles, cando vaian. Unha exquisita mestura de poesía, pintura e intervención directa. «Deberías expoñelos tamén -díxenlle-, son a parte máis xenuína da túa arte». Víase de lonxe que o papel lle é tan receptivo coma o vidro.

Poucas veces saio tan confortado, tan regalado, dunha mostra de pintura. Creo que Goretti Bello vén de traer a Ribeira, ademais do concepto do espazo-autor, o azo refrescado e refrescante da eterna vidreira, o ar luminoso da súa arte, a interesantísima proposta do seu proxecto estético e, sobre todo, o xenio da súa personalidade creadora e emprendedora que se nos revela, xa digo, nada máis entrar, á primeira hora do día, nesa sinxela disposición ao traballo coa cunca de chocolate.

Goretti amosa nas vitrinas recortes de cristal-cor que integra nos seus traballos