«Hai prácticas que parecen moi antigas e son ao tempo moi modernas. Unha das máis coñecidas, sen dúbida, é a de amorear pedras»
07 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Hai prácticas que parecen moi antigas e son ao tempo moi modernas. Unha das máis coñecidas, sen dúbida, é a de amorear pedras. En Galicia era tan habitual que ata lle temos unha palabra: milladoiros. Un podería pensar que é parte dun culto ancestral e, sen embargo, en canto alguén anda de paseo e sinte unha certa emoción paisaxística e telúrica, éntralle o síndrome de Obélix e dedícase a amorear pedras. É o que fan unha e outra vez cos pobres pelouros do recinto exterior do castro de Baroña.
Esta semana puiden ver como iso sucedía nun lugar no que, non por esperable deixa de sorprender. Na mesma fachada do Obradoiro! Chaleques reflectantes amarrados ás reixas históricas, recentemente restauradas, do acceso á cripta; sobre as repisas depositaran pedras, osos de peluche, calcetíns e mesmo algún ovo Kinder, porque Santiago pode ser un apóstolo pero non por iso deixa de ser larpeiro. Querer deixar, onde vamos, algo de nós mesmos.
Por fortuna, algún funcionario municipal ou catedralicio retirou discretamente todo ese enxoval de despropósitos nalgún momento da noite ou do amencer para tentar frear a inercia do nacente costume. Cando nos interesa, unha práctica de onte pódenos parecer que se leva facendo toda a vida.
E de aí podemos pasar a un rosario de novas prácticas que, a estas alturas do Camiño, pode ser inesgotable. Eu xa me estaba imaxinando a ofrenda de suorosas botas -desas que fixeron todo o Camiño Francés durmindo en albergue- perfumando os sagrados baixos do Pórtico da Gloria.