Teresa González: «Reivindico máis compromiso coa arte por parte dos políticos»

manuel teira

BARBANZA

ABRALDES

Prefire expor en colectivas para enriquecerse persoal e artisticamenteTeresa González Pintora

30 oct 2021 . Actualizado a las 12:46 h.

Creo que ningún día tan claro neste outubro como este mércores luminoso a carón da magnificente fortaleza de Estevo de Xunqueiras, erguéndose e domeando este val de marismas e terras abondosas: A Devesa, Mirandela, Cañiza, Campiño e o mar da Corna, Punta Ostreira... nas primeiras miradas do alborexar. Aquí mesmo, como asombrada por esta fortificación medieval e renacentista, ten a súa casa-estudio Teresa González, a nosa pintora, que hoxe nos agarda. E aí, no limiar, detemos a camiñada para nos imbuír nunha conversa distendida e afábel.

Amparados neste lugar de Xunqueiras, na que parte da historia da comarca se fai presente, preguntamos a Teresa: Cales foron as primeiras lembranzas da súa infancia?

E ela fálanos dunha infancia serena, alegre, feliz. Uns primeiros anos brincando a carón destas casoupas e muíños, canles e cánticos cantareiros da auga, para logo, aos doce anos, vivir o traslado coa súa familia á cidade de Cristal, a Coruña, que decontado abraza cos seus ollos desconcertados. Un novo universo ábrese diante dela, distinto, mais cheo de posibilidades.

Centramos a conversa en como foi que descubriu a arte, en como se lle manifestou ese mundo de creación e maxia, e como o foi adoptando na súa mirada

-Lembro, como pintora, que eu sempre me vía e sentía debuxando, xogando coas teas resplandecentes e acolledoras, cargadas de estampados, cos lapis de cores facéndose coa miña curiosa ollada infantil, seguido abraiada. Así foi como fiquei prendida, creando un mundo interior, vital, cheo de forza emocional, que aínda hoxe me retén e se me revela intenso e rico.

-Como perforando o pasado, queremos saber se por aí houbo algunha influencia artística que te espertase na túa vocación, desta banda da ría de Arousa.

Confésanos que a súa gran referencia foi e segue a ser o noso admirado Xoán Fernández, do que Teresa aínda vén sendo familia, e a quen sempre admirou como pintor, primeiro abstracto e logo hiperrealista. Coida ela que nese eido imprevisíbel e abraiante da creación, ás veces a arte tócanos máis de preto do que nos poderiamos imaxinar.

O universo cromático na obra da nosa pintora é unha constante. Sorprende polos seus matices intensos de cor, unha pintura debedora do abstracto e do expresionismo. Por isto mesmo, indagamos sobre que artistas de fóra a influíron na súa obra e cales son as súas cores preferidas.

-Vasili Kandinsky e Mark Rothko. Do artista ruso, teórico da arte e mestre da Bauhaus, fica en min o forte impacto da cor e das formas abstractas; e do pintor norteamericano quédome coa mística emocional deses campos de cor e co asombroso da súa obra. Canto ás cores, gusto dos azuis, tons atlánticos, identitarios, máis tamén contrastados con amarelos e vermellos que, no lenzo, potencian o meu acto creativo coma bombas luminosas.

-Quero saber como combina a súa actividade doméstica coa súa faceta de pintora.

-Teño o estudio na miña propia casa. E agora que os fillos me medraron dedícolle todo o tempo posíbel á pintura. A miña produción foise incrementando notablemente nos últimos tempos, e ben me gustaría que o acto de pintar se convertese en permanente, e non se detivese.

-E canto ás exposicións, que tal?

-Sinceramente, o que máis me apetece é expor en colectivas. As posibilidades de enriquecemento persoal e artístico son maiores nas relacións e nos intercambios de ideas e proxectos. Estou moi orgullosa das miñas colectivas, algunhas con gratas lembranzas, coma a exposición con Xoán Fernández ou con Teresa Argibay, coas que vivín unha experiencia que é pura reconciliación coa arte e cos proxectos expositivos.

-Esta pregunta a Teresa é súper-pandémica. Queremos saber como levou a pandemia.

-Con moito medo -dinos. A miña vía de escape foi o refuxio no meu estudio no que permanecín retirada un longo ano, e liberada no meu mundo imaxinario: pintar foi o meu alento, o aire necesario.

-Por último, que pensa da actual situación da arte e dos artistas?

-Reivindico máis compromiso coa arte e cos proxectos por parte dos políticos e das institucións, máis horarios posibles para o público nas salas, que faciliten as ensinanzas da creación e se impulsen iniciativas que poñan en valor as actividades artísticas (catálogos, publicitación dos actos...), e mais que se pense que a arte é unha fiestra para a mirada e para a nosa sensibilidade…

Antes do adeus, lémbranos que a súa actual exposición pode verse na cafetería Amanitas da Pobra do Caramiñal, e aproveita para convidarnos a visitala. Ten palabras especiais para o seu xerente, Xosé Rivas, e agradécelle a facilidade con que acolle as diferentes mostras no seu local, un dos grandes referentes da comarca na potenciación da arte e na súa posta en valor.

O talento por vocación

Teresa González nace na Pobra do Caramiñal, no lugar de Xunqueiras, unha contorna medieval, de casoupas e muíños, a carón da fortaleza de Xunqueiras. Nesta lu poboación vive os seus primeiros anos da infancia, asiste á escola de nenas do Campiño, nun sistema educativo onde o espírito nacional persiste aínda con forza. A súa mestra é Carmen Carreró. Aquí fica ata os oito anos, momento no que seus pais se trasladan a vivir á cidade da Coruña. Con moita emoción vive ese encontro coa cidade coruñesa e axiña se adapta á urbe chea de tesouros para ela descoñecidos.

Segue os estudos e fórmase no IES Eusebio da Guarda onde os murais de León Bianchi e Román Navarro cobran para ela unha forza particular. Fai visitas frecuentes ao seu lugar de orixe. Ben entrada na mocidade a familia regresa ao seu eido natal. Casa moi nova, aos 21 anos, e dedícase á familia, colaborando co seu compañeiro nas tarefas profesionais. Teresa tivo dúas fillas, un fillo e unha neta; e todo o seu corazón é para eles.

Cursos de pintura

Co tempo fai varios cursos de pintura, animada por unha das súas amigas, e nela vai descubrindo un mundo completamente novo, fascinante, que a retrotrae á infancia na que debuxaba e se abraiaba cos estampados das teas, mentres os lapis de cores creaban no seu maxín un mundo de máxicas formas.

Teresa González é autodidacta, pero a súa vocación é o seu talento, e as ganas de superación fórona convertendo nunha das pintoras máis demandadas na actualidade na comarca do Barbanza e con gran proxección fóra das Rías Baixas.

Infatigábel

A súa actividade expositiva é moi activa. As súas mostras seguen unha periodicidade ao longo do tempo. Pintora infatigábel, a súa obra ten presenza en lugares como Nova York, Madrid, Francia, Suíza e moitos outros lugares de Europa e de América.

Actualmente, na súa casa-estudio de Xunqueiras, baixo a man alongada do gran Castelo, segue a crear universos de cores, que podemos denominar de expresionismo figurativo ou de figuración abstracta, sorprendéndonos cada vez que nos ofrece unha mostra da súa arte, sempre moi coidada, sempre elegante e, sobre todo, debedora dunha gran forza tonal e compositiva.