O último aturuxo de Teresa a de Triñanes

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

Cantareira incansable, a viúva de Vicente Tembra descansa xa no cemiterio de Taragoña

02 nov 2021 . Actualizado a las 09:48 h.

Non é esta terra de solemnes epitafios nas lápidas dos cemiterios, e as tumbas identifícase co nome e, se cadra, a foto do seu morador. Pero se houbera que escoller unha única frase que identificase a Teresa Triñanes non hai dúbida de cal sería: «Ei contra un pino, e se o rompo, rompino!». O aturuxo que soltaba cada vez que rompía a cantar, e non eran poucas as veces, era a expresión que estes días máis repetían os seus mentres lle dedicaban sentidas palabras de despedida. Porque Teresa foise, marchou onda o seu querido Vicente Tembra, sen avisar e sen armar barullo. Levou con ela as súas coplas, pero deixou aquí, sementado en fillos, netos de bisnetos, o espírito alegre, festeiro e optimista que a caracterizou en vida.

Teresa era unha muller presumida. Foino de moza, e seguía a selo cos 89 anos xa cumpridos. Cando era nova viaxaba a Bilbao cando Tembra arribaba a terra para velo, e aproveitaba para poñerse guapa e para mercar traxes elegantes e modernos que na súa parroquia, Taragoña, era impensable poder atopar.

Agora eran as súas netas as que a axudaban a manter a súa coquetería pintándolle as uñas dun vermello rechamante que a ela lle encantaba. Contan as encargadas de facerlle a manicura que se poñía toda contenta cando se vía guapa. E cando Teresa estaba contenta sempre facía o mesmo: cantar.

Sábeno ben os seus veciños de Casa Pachín, onde lle gustaba tomar o café con leite e, de paso, animaba á clientela coas súas coplas acompañada polo seu amigo Toche. Conseguía que todo o mundo se puxera a cantar, porque era unha muller alegre. E por iso mesmo a tristura pola súa perda non é tanta, porque é inevitable que se escape un sorriso ao recordar a unha muller entrañable, faladora, sentida e cariñosa.

E traballadora, porque pertencía a unha xeración que medrou traballando, e desde moi nova ía cargada co cesto á cabeza ata a montaña. Levaba peixes que trocaba por pan ou millo. E de volta na casa ocupábase dos animais, de sementar a terra e de criar aos seus tres fillos, Luís e os xemelgos Vicente e Antonio. Os tres son hoxe herdeiros dos seus aturuxos. Ei contra un pino, Teresa!