
O inmoble inaugurarase oficialmente o día 16 con diversos actos a partir das 19.00 horas
06 may 2022 . Actualizado a las 17:02 h.O Concello de Boiro presentou este venres a programación cultural do mes de maio, que está centrada nos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas, que neste 2022 está dedicado a Florencio Delgado Gurriarán. Como gran atractivo, destaca a tradicional romaría boirense, que nesta ocasión volve ao pazo de Goiáns nun acto que tamén servirá como inauguración do inmoble.
«Para nós é un orgullo que o pazo de Goiáns volva abrir as súas portas e o faga para esta ocasión tan especial, como é o Día das Letras Galegas, e se recupere a tradicional romaría», afirmou o alcalde, José Ramón Romero. Ademais das obras de rehabilitación do edificio principal, estase a actuar no acondicionamento de toda a contorna co obxectivo de que a veciñanza poida gozar da finca, indican desde a Admnistración local.
A inauguración oficial será o día 16, a partir das 19.00 horas, cando se fará tamén a plantación dunha figueira da horta de Rosalía e a presentación do sexto número da revista Follas Novas. A programación desa xornada vaise completar coas actuacións de Laura Lamontagne e Pico Amperio e da compañía Nova Galega de Danza.
17 de maio
Xa o propio Día das Letras Galegas, desenvolveranse actos durante toda a xornada. A apertura de portas farase ás 11.00 horas e haberá postos de artesanía, photocall das letras sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán, libreiros e pulpeira. Tamén baile galego coas entidades locais Xilbarbeira, Aroña e Abeloura, sesión vermú amenizada por Os da Porfía e un xantar popular cos pequenos do Barbanza.
Pola tarde terán lugar as presentacións literarias a cargo da Asociación Cultural Barbanza das obras O caso dos amantes de París, de Miguel Alonso, e Florencio Delgado Gurriarán. Polos veiros da saudade, de Héctor Cajaraville.
Na sesión vespertina tampouco faltarán actuacións, protagonizadas por Esperanza Mara, o grupo de teatro Airiños, Xisco Feijóo e Baiuca, que pechará a xornada ás 20.00 horas.
Máis actividades
Ademais da programación propia con motivo do Día das Letras Galegas, dende a concellería de Cultura de Boiro deseñaron propostas para todo o mes de maio. «Nestes dous anos non deixamos de programar porque o consideramos fundamental para darlle vida ao pobo, e o mes de maio non podía ser menos», sinalou a concelleira de Cultura, María Outeiral.
Así, está previsto que se leven a cabo actividades para todos os públicos, entre as que se encontran representacións teatrais, o ciclo de cine Mestre Mateo e actuacións de grupos e entidades locais, entre outras.