Poldras, Goya e Dalí conversan en el Museo do Gravado de Artes

La Voz

BARBANZA

cedida

A exposición Os caprichos espidos estará aberta ata o 14 de decembro

18 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Medio cento de obras conforman Os caprichos espidos, a nova exposición que ven de poñerse a disposición do público no Museo de Artes do Gravado. Por unha banda están trinta traballos de Xosé Poldras: dez debuxos de grafito sobre papel, dez linografías e dez debuxos dixitais. Trátase dunha serie que combina unha parte artística, de creación orixinal, con outra divulgativa, relativa ao cartafol dos famosos gravados de Francisco Goya.

A mostra complétase con dez gravados orixinais de Goya, correspondentes á exposición de Sevilla de 1929, e outros tantos heliogravados de Salvador Dalí, que pertencen aos fondos do museo situado en Artes.

A colección, que poderá verse no centro ata o 14 de decembro, foi inaugurada nun acto que contou coa presenza do propio Poldras, así como do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do director do Museo do Gravado, Xoán Pastor Rodríguez; da primeira tenente de alcalde de Ribeira, María Sampedro; e do comisario da exposición, Carlos Bernárdez.

Na mostra, que ten unha certa intencionalidade didáctica, as creacións de Poldras, que fixo a súa tese doutoral sobre os Caprichos, dialogan non só con Goya, senón tamén con Dalí que, entre 1973 e 1977, creou 80 láminas en heliogravado, que sobrepoñían a súa fantasía sobre os gravados que Goya editara en 1799.

Nestes momentos, nas outras dúas salas do museo, o público pode ver unha selección dos traballos que concorreron ao Atlante, incluíndo as obras gañadoras, e Ukiyo-e, unha colección de estampas xaponesas.