A barbantesa

La Voz

BARBANZA

Hoxe viña eu da vila de tomar algo e dar unha volta e, atopeime cun bicho grande e verde

29 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pobre barbantesa. Non sabía que ía cara a unha morte anunciada. Hoxe viña eu da vila de tomar algo e dar unha volta e, polo camiño cara á nosa casa en Tanxil, atopeime cun bicho grande e verde. Enseguida me dei de conta de que se trataba dunha barbantesa.

De pequena vin unhas cantas máis, pero xa había anos que non vía ningunha. Pareceume algo extraordinario. Así que, saquei o móbil e, pousando o bolso e o paraugas a un lado, tireille unhas fotos.

Non sei se era macho ou femia. Non controlo tanto da «bichería». Pero recoñecina nada máis vela. Tróuxome lembranzas da miña infancia. De cando xogabamos na rúa e no campo. Porque eu son daqueles tempos en que se xogaba fóra: Á chena, á goma, á corda, ás escondidas, ás aceras, á buxaina, ás chapas, ás bólas... Moito me gustaba iso de: «Primeras, segundas, truquilis más truquilis, pie, paso de bola y a la cachirola», que non sei por que, faciámolo en castelán. Os rapaces sempre querían xogar aos médicos, parvos eles, pero nós estabamos moi avisadas polas nosas nais de non baixar as bragas diante dos nenos. Mimá! Daquela facer iso con esa idade era pecado!

Agora hai moita liberdade e os rapaces e as rapazas comezan moi cedo a coñecer a anatomía humana do sexo contrario.

Na miña horta xogabamos ás casiñas e ás tendas. Usabamos terra, follas e sementes e o que pillabamos por diante. Botándolle imaxinación, as follas daquela planta eran leituga e as sementes daquela outra facían de arroz. Eu, como xogaba na casa, xa que era a horta de meus pais, sempre era a tendeira. Xa apuntaba maneiras, pois de maior traballei nunha farmacia. Vendía aspirinas, antibióticos, antihistamínicos, aines, chupetes, condóns, e moitas máis cousas. Moito me gustaba estar detrás dun mostrador!

Pero volvendo á barbantesa. A moi ignorante da vida saíu dunha horta enorme, onde non lle ía faltar alimento, e púxose a atravesar unha estrada. Vía moi transitada tanto por persoas coma por coches. Intentei espantala, pero nin caso. En vez de voar ou afastarse camiñando seguía no mesmo sitio. O único que facía era poñerse coas patas para arriba. Parva! Pasou un rapaz e díxenlle:

—Ola, sabes que é iso?

—É unha barbantesa —dixo.

Baixou a manga e empurrou o bicho cara ao lado da estrada onde estaban as herbas. Pero ela non quixo e veña a poñerse a cruzar.

De volta á vila, a pobre estaba esparrada.

Susana Fernández Comojo

Rianxeira de 51 anos á que xa lle gustaba escribir contos na escola.