«Nun xantar de Nadal tócanse e cántanse panxoliñas, fálase do Mundial e de todo un pouco, pero non de cuestións profesionais; pois para esquecerse diso, para evadirse, é para o que están as comidas e ceas do Nadal»
08 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Unha muller tiña un posto de castañas ao lado da porta dun banco. Un sobriño aproveitado e reincidente, foille pedir cinco euros á castañeira: «Non podo fillo, o banco e máis eu temos un acordo: nin eles poden vender castañas, nin eu prestar cartos». Pois aplicado ao que dixo a castañeira, un xantar de Nadal non é o lugar máis axeitado para explicar que pasou cos orzamentos de Ribeira, por moito que os comensais sexan integrantes da Policía Local e que alí estivera quen «es el alcalde el que quiere que sean los vecinos el alcalde», Rajoy dixit. Cada cousa, no seu lugar e as queixas, para que sexan tomadas en serio, deben quedar para outra ocasión: «Un plato es un plato y un vaso es un vaso» —non digan que Rajoy non é un xenio—.
Nun xantar de Nadal tócanse e cántanse panxoliñas, fálase do Mundial e de todo un pouco, pero non de cuestións profesionais; pois para esquecerse diso, para evadirse, é para o que están as comidas e ceas do Nadal; non para analizar os presupostos.
Chegados a ese punto, o mandatario debería tranquilizar á Policía Local e dicirlle que os presupostos non están escritos en pedra e que case todo está previsto na lei das facendas locais e outras complementarias, que din que «por imprevistos, se pueden cambiar las cantidades o la finalidad de los gastos». Case todo ten arranxo.
Os representante dos traballadores dese gremio policial non deberían facerse eco da triste nova que, segundo el, lles deu o alcalde: «No creo que vaya a llegar la cantidad incluida en el suplemento de crédito para pagar lo necesario». Non estaría de máis que falase primeiro con eses malotes da oposición, únicos responsables de que, nos 35 anos de gobernos do que agora é o PP, non se cubriran as ratios nin se lles pagase axeitadamente.
Por outra banda e polo ben de todos, sería de agradecer que se presentasen os presupostos a tempo, pois o ano ten 12 meses. Así, con antelación suficiente, e despois da súa aprobación inicial, calquera interesado tería tempo de examinalos e presentar reclamacións e non agardar a tempos de Nadal, cando as mentes están —e deberían estar— ocupadas en esquecer as dificultades varias da vida.
Non todo vale. Nin aproveitar un xantar de Nadal coa Policía Local (dependente da alcaldía), nin dar publicidade a wasaps de carácter máis privado que público, entre o portavoz do PSOE e o alcalde, para negociar os presupostos a uña de cabalo. Se non foran mensaxes privados, poderíanos difundir por Twitter, nun grupo de amigos de WhatsApp ou mesmo nunha rolda de prensa.
E sen máis: Bo Nadal. Incluso aos bancos e ás castañeiras. Pero, iso si, cada cousa no seu sitio, mesmo as reivindicacións.