O terremoto cultural de Barbantia fixo tremer os cimentos do Pazo de Goiáns

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A asociación volveu reunir á sociedade barbancesa na entrega dos sereos

12 dic 2022 . Actualizado a las 15:26 h.

Leccións de historia, de rebeldía, de resistencia, de cultura e ata de cociña, porque por dar, na gala de entrega dos premios de Barbantia deuse ata a receita duns humildes bolicos cos que os asistentes puideron enganar á fame cando se aproximaba a hora do xantar. Os actos da asociación cultural nunca son baldeiros, pero o deste sábado elevou a Boiro á categoría de capital literaria do mundo, nada menos, como puxo de relevo Xesús Alonso Montero logo de recoller o seu sereo. A emoción e a reivindicación da cultura crítica, ademais da posta en valor do inxente labor desenvolvido por Barbantia ao longo do ano, foron o fío condutor dunha fría xornada de decembro.

Foi un verdadeiro terremoto cultural en moitos sentidos que fixo tremer os cimentos do recentemente rehabilitado Pazo de Goiáns. Neste marco incomparable apareceron para conducir a gala con tanto acerto como humor Os Quinquilláns, transformados en don Joaquín Barriere, antigo propietario do inmoble nobiliario que, ante a falta de descendencia, decidiu legarlle a propiedade aos seus traballadores; e Consuelo Carou, a cociñeira que acabou convertida en señora da torre de Goiáns. Comezou así un animado percorrido pola historia do pazo e de Boiro, e das xentes que o habitaron e o frecuentaron, moitas delas estreitamente vencelladas á cultura.

Os premiados

Ese relato de anécdotas foise intercalando coas intervencións das autoridades, ata que chegou o momento, máis emotivo que solemne, da entrega dos premios Barbantia. Estivo acompañado, a falta de foguetes de verdade, do estrondo do público batendo pés e mans baixo a batuta de Consuelo e don Joaquín, por aquilo de darlle un pouco de bombo á cerimonia.

A primeira en erguerse para recoller o galardón á traxectoria cultural no Barbanza foi a noiesa Ana Blanco, que recoñeceu que levaba os seus agradecementos por escrito por medo a que se lle esqueceran coa emoción. Lembrou o proxecto cultural que emprendeu co seu grande amigo Antón Avilés de Taramancos, Catavento, e mostrouse conmovida polo recoñecemento de Barbantia: «O agradecemento e a emoción lévanme a pensar que este premio vai moito máis alá dos meus cativos méritos, creo honradamente que aos meus 91 anos este é un premio á resistencia, á constancia e ao traballo, e en ocasións tamén ao desánimo». Pechou denunciando e condenando «esa especie de pandemia que é a violencia de xénero» recitando a Rosalía.

O premio á iniciativa cultural no Barbanza foi recollido polo presidente da Fundación do Museo de Artes do Gravado, Manuel Ruiz Rivas, que non desaproveitou a ocasión para poñer en valor o papel de Javier Expósito: «A importancia dun premio vén, primeiro, de quen cho dá, e Barbantia é unha asociación que se elevou moito más alá das fronteiras culturais desta comarca; e segundo, por que cho dan, e teño que agradecer a Javier Expósito e á súa familia, que fixeron da arte a súa ilusión e da súa filantropía que hoxe esteamos falando do museo do gravado máis importante».

Logo chegou a quenda de Xesús Alonso Montero, que recolleu o premio da Cultura Galega emocionado por formar parte dun «acto importante, porque é un acto da cultura feita pola xente, por xente que sabe que a cultura é fundamental para un, pero sobre todo, para aqueles que non tiveron acceso a ela». Fixo unha firme defensa, como leva feito ao longo da súa inmensa traxectoria, da cultura popular: «Ten que chegar ao pobo e ten que ser crítica».

Pechou o acto en representación do Concello de Boiro o tenente de alcalde, Luis Ruiz, que deu os parabéns a Alonso Montero e Ana Blanco, «por toda unha vida da man da cultura» e aos impulsores do Museo de Artes, «por facer do seu soño unha realidade».

O anuario

Ademais da entrega dos sereos —obra da escultora noiesa Soledad Penalta—, a gala no Pazo de Goiáns tamén serviu de presentación do Anuario de Estudos do Barbanza, unha recompilación que resumiron brevemente o presidente e a vicepresidenta de Barbantia, Manuel Cartea e María Xesús Blanco, e que reúne máis dunha ducia de traballos de colaboradores.

Ese volume tamén recolle un resumo do labor desenvolvido pola asociación ao longo do ano, un traballo que tamén puxo en valor a deputada provincial de Cultura, Sandra González: «É moi de agradecer o esforzo inxente que fai Barbantia, que se reflexa neste anuario que recolle o compromiso de tantos colaboradores da cultura desta bisbarra».