Loita polo comercio local

Laura Ríos
Laura Ríos RIBEIRA

BARBANZA

DANI GESTOSO

Os libreiros de Barbanza piden aos clientes apostar por unha economía sostible máis alá de Internet

22 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Abrir as páxinas e fundir as fosas nasais no inconfundible cheiro a historia por descubrir, a un mundo que se abre entre as mans daqueles que viven máis alá do terreal.

Poucos son praceres maiores ca ese para os lectores empedernidos que prefiren ir á súa librería favorita antes que mercar por Internet, un acto de conciencia que os vendedores do Barbanza aprecian nesta época de clics e reclamos publicitarios.

Cada 23 de abril conmemórase o día do libro, a expresión humana que mellor recolle o sentido da Historia mentres que se converte en testemuña do tempo.

A data elixida non é banal, xa que se trata dos días nos que no século XVII perderon a vida grandes figuras da literatura universal, como William Shakespeare ou Miguel de Cervantes.

Os tempos cambiaron moito e o que triunfa agora non son muíños de vento convertidos en xigantes monstruosos, senón novelas centradas no amor ou no suspense. Iso sostén Luz Estévez, que leva máis de 30 anos enchendo de cultura as rúas da Pobra co seu Kiosko Luz.

Cipriano Pose, tamén da libraría pobrense Ler, sinala que grandes galardóns como os Planeta ou os Alfaguara son un bo atractivo para moitos lectores, que prefiren regalar libros coñecidos no Nadal ou nos aniversarios.

Rosa Tubío, xerente da libraría Espacio Lector Nobel de Boiro, considera que «deberíamos apostar máis polo comercio local, non quero nin pensar que pasaría se tivésemos que pechar os negocios de sempre».

Mayor rapidez

O mesmo opina María José Maneiro, da sonense Andrea, que ve como a xente da zona adoita optar por mercar por Internet: “Aínda que podemos conseguir os libros antes ou telos xa na tenda, a xente prefire encargalos a través de Amazon porque llos levan ata a porta da casa».

Juan José Rego, outro profesional do sector, dono da librería Gallardo, mira con optimismo os meses da tempada estival. «Os libreiros agardamos que comece a volta ao colexio e ademais vendemos durante o verán aos turistas, o resto do ano o que facemos é ir aguantando», comparte.

Jéssica Martínez, de Chorima, tamén opina que o turismo é unha fonte de ingresos para o seu negocio e sinala que, aínda que os casos son poucos, algúns visitantes de países estranxeiros pídenlle libros en inglés ou alemán para gozar na praia.