A romaría de Goiáns, espectáculos de teatro e concertos son as actividades destacadas
16 may 2023 . Actualizado a las 18:04 h.Xa desde hai un par de semanas se percibe en Barbanza que maio é o mes da cultura por excelencia. Os concellos intensifican nestas datas as actividades culturais, especialmente as dirixidas aos nenos e as enfocadas a divulgar a lingua e a literatura galegas. Pero será mañá, 17 de maio, cando se produza a verdadeira chuvia cultural, con propostas en boa parte das localidades. O epicentro será a finca de Goiáns, onde Barbanza levará a cabo a súa xa tradicional romaría, pero o abano de citas é amplo e variado.
Boiro
O Concello de Boiro e a asociación Barbantia volveron aliarse para ofrecerlle aos veciños a posibilidade de gozar dunha xornada de ocio e cultura nunha contorna espectacular, a finca do pazo de Goiáns. As actividades comezarán ás 11.00, coa apertura dunha feira á que se sumarán librarías, artesáns, artistas e asociacións. Xilbarbeira, o grupo de baile de Abanqueiro e Habelas Hainas serán os encargados de animar a mañá. Despois dun xantar popular, no que actuarán os Pequenos do Barbanza, sucederanse dúas presentacións literarias. Comezará Xulio Gutiérrez falando de Cantigas quero eu lembrar, intervención que se completará coa actuación musical de Os Menestreis. E concluirán Xosé L. Franco Grande e Anxo X. Rajó Pazo, autores de Francisco Fernández del Riego. Galeguista de acción e cultura. Na recta final da festa entrarán en acción os grupos de música Caamaño e Ameixeiras, o pallaso Rudy Dudy e as formacións de baile tradicional Aroña e Abeloura. Do colofón encargaranse Airiños, que ofrecerá unha pequena representación trala presentación do libro que recolle os seus 90 anos de traxectoria, e A Banda da Loba, cuxo concerto servirá de despedida.
Noia
Unha ofrenda floral fixada para as 13.00 horas é o acto central organizado en Noia para festexar o Día das Letras Galegas. Será dobre, posto que se levará a cabo diante dos bustos de Antón Avilés de Taramancos e de María Mariño, os dous situados na alameda da vila. Posteriormente, o artista local Serafín Marcos ofrecerá un espectáculo dedicado a Francisco Fernández del Riego.
Ribeira
A praza do concello de Ribeira recibirá ás 12.00 a María Faltri, que chegará co seu Picadiscos para entreter aos nenos cun espectáculo musical. Pola tarde, a festa da cultura trasladarase a Aguiño onde, da man da asociación Francisco Lorenzo Mariño, se desenvolverán diversas actividades, entre as que destacan un certame de debuxo infantil, xogos inchables e a actuación de Peter Punk. E pola noite, de novo en Ribeira, Xandre Millet presentará o seu novo traballo discográfico: Moi noso. Será na praza do concello, ás 21.00 horas, e o músico estará arroupado pola Orquestra Sons, da que é director.
A Pobra
Os grupos Caramiñas, Eiradela, Arrancadeira, Xiada e Ruadiña, así como o Museo Valle-Inclán, colaboran co Concello da Pobra na conmemoración do Día das Letras Galegas. Desde as 11.00 ata as 14.00 horas, converterán as prazas da vila nun fervedoiro con actuacións de música e baile, escenas costumistas e un desfile de traxes tradicionais. O público terá ocasión de descubrir todos os recunchos sumándose a un percorrido guiado. Hoxe mesmo xa haberá dúas propostas lúdicas: Barafunda Animación percorrerá as rúas e prazas da vila a partir das 10.00 horas e Fanny Medio Ambiente recalará ás 18.00 horas na biblioteca municipal para animar aos nenos a sumarse a xogos relacionados coa reciclaxe.
Lousame
A compañía Inventi Teatro chegará mañá a Lousame para ofrecer As palabras perdidas, un espectáculo cómico que, ademais de entreter, busca poñer en valor o idioma, os ditos e as historias de Galicia dunha forma divertida e dinámica. A función comezará ás 18.00 horas na casa de cultura.
Outes
Dando a coñecer o fallo do certame de poesía Francisco Añón, que este ano acada a súa edición número 27, conmemorarase en Outes o 17 de maio. O acto terá lugar ás 17.00 horas na casa de cultura da Serra e estará amenizado polo pianista Ignacio Saavedra Caamaño. No seu transcurso tamén se presentará o volume que recolle os poemas premiados o ano pasado, así como a obra que resultou gañadora na categoría de adultos: Cruz(eiro), de Manuel López Rodríguez.
Muros
Con teatro súmase Muros á festa das letras e da cultura. Coincidindo coa décimo quinta edición da mostra Xosé Agrelo, Xarope Tulú desembarcará no Curro da Praza (18.00 horas) para representar A lingoreteira. Trátase dunha sesión de contos musicados destinada especialmente ao público infantil.
Mazaricos
Os veciños de Mazaricos teñen unha cita mañá, ás 17.00 horas, na casa de cultura da Picota. Ata alí desprazarase o elenco de Malasombra para poñer en escena De algo hai que morrer, unha divertida comedia. Sobre o escenario estarán os actores Josue García e Xoque Carbajal.
Rianxo
O centro cultural Vicente Vidal de Leiro ofrécelle aos rianxeiros a posibilidade de aproveitar a xornada festiva para embarcarse nunha ruta pola parroquia e coñecer así as paraxes máis destacadas. Pola tarde haberá música tradicional, xogos populares e renderáselle homenaxe a Francisco Fernández del Riego.
Porto do Son
A música animará as rúas sonenses este 17 de maio. Na vila do Son actuará o grupo Chorimas, mentres que en Portosín tocaralle aos Jaitas Blues. Nos dous casos, os melódicos sons chegarán para a sesión vermú.