O teatro está garantido nas mesmas datas, todos os anos. Se cabe, trala pandemia case podemos afirmar que se incrementa, sen piedade. Millóns de urbanitas foxen das súas gaiolas urbanas, como se o mundo se acabara de contado, cara ás localidades da costa. Para colmo, abren os telexornais de todos os medios causando un efecto chamada, dando a entender que so os parvos quedan na súa cidade. Miles de avións despegan cara a outros lugares tinguindo de branco o ceo, aumentando o efecto smog sobre as cidades.
Nada aprendemos do período escuro co Covid, tanto na nosa relación co planeta como noutras materias como o urbanismo e a ordenación do territorio. Cando regresen da gran bacanal, as televisións volverán a inxectarnos as bondades do coche eléctrico, a necesidade de controlar os nosos impulsos consumistas, e retransmitirán as próximas catástrofes naturais e seguiremos flaxelándonos ata o vindeiro período estival.
Como en todo o que facemos, en España non hai reflexión, nin concienciación nin contención. Apostamos parte do noso futuro laboral ao turismo, apostamos polo modelo urbanístico do sol e da praia, e corremos graves riscos sociais se promovemos medidas sensatas. Non se entende que sigamos subvencionando compañías aéreas privadas para que baixen prezos e se consuma -e contamine- máis, sen mirar polo planeta.
Non hai unha aposta seria por sectores laborais que non sexan o turismo, e por riba, de masas. Poida que non cheguemos ao 2050 nas condicións que planificaron burócratas dende Bruxelas, pero sempre haberá unha escusa «española» para seguir consumindo.