O patrimonio cultural de Galicia supón un 55 % de todo o do estado español. Temos un legado impresionante que herdamos, tamén unha responsabilidade co pasado e co futuro, temos un problema. Moitos destes bens foron construídos para unha función hoxe extinguida.
Muíños, hórreos, cruceiros, conventos, mosteiros, capelas, valados, pombais, pazos, conserveiras, serradoiros, fábricas da luz, petos de ánimas e un feixe de edificios e construcións que hoxe son difíciles de manter en boas condicións, moitas veces nas mans de moitos herdeiros ou de organizacións xa non existentes. Temos que facer unha fonda reflexión, ou en poucos anos estarán todos arruinados.
Xa non se crían pombas, xa non se teñen abellas nas casas, xa non se moe o millo, xa non hai monxas nin frades, xa temos moitas aldeas sen xente. Sen persoas, o patrimonio esmorece, porque falta ese labor cotiá de inspección, conservación e mantemento. Véñense abaixo, e hai que proceder á súa restauración, ou ben mantelos na ruína como memoria dunha época histórica.
Hai moito escrito nas directivas europeas, nas transposicións, nas cartas sobre o patrimonio e nas declaracións de moitas cidades, pero o papel non pode manter o legado en pé. Só unha metódica conservación é quen de facelo, e para iso é preciso un dono e cartos.
A transmisión do noso patrimonio a xeracións futuras é un asunto estrutural de Galicia, que non debemos deixalo nas mans da Xunta, nin sequera dos concellos, que moitas veces son os que menos velan pola súa conservación, porque os votantes apostan máis por actos festivos e lúdicos.