
Nos últimos anos está de moda criticar nas redes sociais os eventos navideños, co nacemento de auténtica figuras e escenas mitolóxicas como son os cuñados ou as ceas de empresa. Estamos falando de auténticas fábricas de memes que funcionan porque aínda que non teñas nin cuñados nin ceas de empresa, como é o meu caso, todos nos sentimos identificados con algunhas das sensacións de vergoña allea parodiadas.
Cando os historiadores do futuro nos investiguen e acudan aos textos que fomos deixando ciscados por redes e xornais, o que farán é preguntarse como é que toda esta xente celebraba algo que ao tempo parecía odiar ou desprezar tanto. Sobre todo porque tamén terán acceso aos innumerables anuncios de Nadal da televisión ou das revistas nos que se anuncia un mundo totalmente distinto, de reencontros, ledicia, familias felices, ceas brindadoras e ilusións de aninovo. En poucos aspectos da nosa cultura haberá tanta discrepancia entre o que contan as marcas e o que contamos de nós mesmos. Quen levará razón?
Xa llo digo eu: as marcas. Porque aínda que o Nadal a min paréceme un tempo duro no que afloran as verdades da vida que o resto do ano fican solapadas nun remuíño —a soidade, o que significas para os demais, as discrepancias—, o paso do ano segue ser a un tempo que precisamos e arelamos no fondo, porque nela está a idea de que nos merecemos vidas felices, plenas e harmónicas, rodeados da xente que queremos e coa seguridade dun fogar quente. Que vostedes e máis eu poidamos cumprir con este desexo.