O sexto premio Carlos Mosteiro recae en José Luis Baños

BARBANZA

cedida

Unha trintena de obras concorreron ao certame que se fallou na Pobra

29 dic 2023 . Actualizado a las 14:44 h.

Foron preto de trinta os textos que concorreron á sexta edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, que o xurado decidiu outorgar a Fóra de xogo, unha obra de José Luis Baños. Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia; María Xesús Blanco, presidenta de Barbantia; e María Canosa, gañadora da quinta edición, integraron o tribunal que destacou a calidade dos orixinais presentados. O libro galardoado narra unha relación de amizade entre dúas nenas do Afganistán unidas polos seus soños arredor dun balón e as normas do fútbol; reivindicando os dereitos das nenas a través do deporte, da amizade e dos soños compartidos nunha situación de discriminación e desesperanza.

O premio supón unha dotación económica de 3.000 euros, a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de exemplares. A entrega do galardón e a presentación do libro efectuarase nos vindeiros meses.

O nome de José Luis Baños súmase ao das persoas gañadoras nas anteriores edicións: Patricia Mallo, Xosé Antonio Neira Cruz (quen se alzou coa vitoria en dúas ocasións) e María Canosa. A terceira convocatoria quedou sen adxudicar, por se estimar que ningún dos textos acadaba a suficiente calidade literaria.