Tardeo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Imagen de archivo de una persona sirviendo una cerveza
Imagen de archivo de una persona sirviendo una cerveza CESAR QUIAN

02 ene 2024 . Actualizado a las 21:21 h.

Nin se me ocorre venderlle a ninguén esta columna como un radar de tendencias sociais. En novidades de internet, de avances nos coñecementos históricos, ou mesmo nalgúns sectores da cultura galega e internacional aínda me defendo.

Pero para quen pasa o día diante dunha pantalla, as cousas prácticas do día a día son bastante escasas. Así que recoñezo que con toda a marcha previa que hai na comarca nos seráns da Noite Boa ou de Fin de Ano non contaba.

Cando me atopei aos meus veciños da Pobra bailando unha conga na praza de Maura ás oito da tarde do 24 de decembro, hora xa respectable, fiquei pampo. Pero non menos do ambiente matinal e de tarde do 31 de xullo, coa veciñanza bailando detrás das charangas.

E sobre todo, sorprende a xolda desinhibida, aínda que en varias conversas decateime dunha sensación común: a idea de que por unhas horas a vila era a que xa deixara de ser e que nos unían eses estraños vínculos cómplices que non son nin familia nin amigos. «Quedan catro bares», dicía Fidel sorprendido, «pero mira como está todo isto».

Os grupos de amigos reúnense por unhas horas, porque esta emigración doméstica e urbana na que estamos todos fai que pasemos menos tempo nas nosas vilas que os nosos bisavós cando retornaban de Bos Aires ou de Nova York por varios meses.

O tardeo é como unha prórroga disputada antes do partido das vilas galegas. O que sempre me pregunto é como fai a xente para poñerse de acordo para que isto suceda así de repente. A ver se vai ser certo que hai un espírito do Nadal.