A gran festa das letras provoca unha enchente lúdica en Barbanza

La Voz

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A axenda inclúe romarías, presentacións literarias, concertos, actuacións teatrais, ofrendas florais... e moito máis

17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Se o tempo o permite, e as previsións apuntan a que así será, pois semella que comeza unha xornada seca e incluso con sol en Barbanza, a comarca vivirá un 17 de maio repleto de actividades lúdicas e culturais. En case todos os concellos se desenvolverán propostas que lle permitirán aos veciños sumarse á gran festa da literatura, dedicada nesta ocasión a Luísa Villalta, pero que neste territorio se aproveitará tamén para lembrar ás plumas locais máis destacadas.

Boiro

No pazo de Goiáns boirense levarase a cabo unha das actividades destacadas deste Día das Letras Galegas: a romaría promovida por Barbantia. O programa experimentou algúns cambios por mor das previsións de mal tempo, pero segue a garantir actividades desde as 11.30 horas ata as 22.00, boa parte delas no interior do edificio. O epicentro será unha feira de artesanía e literatura, ao redor da cal se desenvolverán propostas como unha ruta botánica pola finca do pazo, concertos e presentacións de libros.

A música correrá a cargo de Xilbarbeira, Alana e Os Melidaos. Pola tarde irán tomando a palabra os escritores Ana Rial, Esther F. Carrodeguas, Beatriz Maceda, Eli Ríos e Laura Suárez.

Ribeira

Co espectáculo de narración oral Príncipas e principesos (Porta do Sol, 12.00 horas), a cargo de Pablísimo, comezarán en Ribeira os actos do Día das Letras. Tamén a partir desa hora, o grupo Tahume percorrerá as rúas da cidade. Pola tarde, as actividades trasladaranse a Aguiño, onde a asociación Francisco Lorenzo preparou unha xornada de debuxo para os nenos, inchables e un colofón máxico co ilusionista Paco e a súa montaxe Hocus pocus. De novo na cidade ribeirense, ás 20.30, a Coral Municipal ofrecerá un concerto no auditorio.

Para o sábado hai programadas outras dúas citas culturais: Teatro do Cubo representará ás 12.00 no Malecón o espectáculo infantil De Vilatriste a Vilalegre; mentres que Redrum poñerá en escena ás 20.30, no auditorio, O pequeno poni.

Lousame

Cunha xornada dedicada ao escritor local Antonio Cernadas de Castro celebrará o Concello de Lousame o Día das Letras. As actividades terán lugar o sábado no adro da igrexa de Fruíme. Comezarán ás 11.00 con talleres, para continuar ás 13.00 cunha lectura de poemas e unha ofrenda floral. Posteriormente actuará O Son do Pote. Durante toda a xornada expoñerase no lugar unha colección sobre a vida e a obra do cura.

A maiores, para o domingo hai fixada unha cita dirixida ao público infantil. Uxía Lambona e a súa Banda Molona desembarcarán ás 18.00 na praza do concello.

A Pobra

As previsións de chuvia levaron ao Concello da Pobra a suspender a Feira do 17, así como as actuacións de varios grupos tradicionais que ían ter lugar no Cantón da Leña. O que si se mantén é a animación de rúa a cargo do grupo Tanto nos Ten (a partir das 13.30 horas). Ademais, as actividades infantís previstas para mañá, adíanse ata o día 24 no parque do Castelo.

Noia

Como en anos pasados, o Concello de Noia aproveitará o Día das Letras Galegas para renderlle homenaxe aos seus escritores destacados: María Mariño e Antón Avilés de Taramancos. O acto será ás 12.00 na alameda e comezará con ofrendas florais. Despois haberá unha intervención dramatizada de Serafín Marcos que, baixo o título Historia da palabra, xirará ao redor da vida e a obra de Luísa Villalta.

Muros

O Concello de Muros súmase á gran festa das letras cun intenso programa de actividades. Arrancará ás 13.30 horas cunha ofrenda dedicada a Xosé Agrelo Hermo na alameda de Esteiro, para continuar, neste mesmo punto, coa actuación de Pakolas. Ás 18.00 tomará o relevo o grupo de teatro da ANPA Ricardo Tobío, que presentará O espantallo no local da Esteirana. Ás 20.00, Pakolas volverá a entrar en acción, esta vez no mercado de Muros.

O sábado será Quenchedera a compañía que lle ofrecerá aos veciños a posibilidade de gozar do teatro. Ás 20.30 representará no centro cultural Perdón que che chapuse.

Outes

Hoxe darase a coñecer en Outes o fallo do vixésimo oitavo Certame de Poesía Francisco Añón que organiza o Concello. Será ás 17.00 horas, na casa de cultura. O acto, que estará amenizado polo dúo Dara e Manuel, incluirá a presentación do libro gañador da pasada edición: (De)catarse, de Naila María González.

A Fundación Montescola vaise sumar tamén á festa das letras. Preparou para hoxe unha xornada que combinará medio ambiente e literatura. Terá lugar entre as 10.00 e as 13.00 no tramo final do río Tins, onde os voluntarios que se sumen realizarán unha recollida de lixo. Ao remate, no exterior da casa de cultura, realizarse un percorrido literario pola pegada dos ríos na literatura galega, comezando por Francisco Añón.

Rianxo

No paseo da Ribeira celebrará o Concello de Rianxo o Día das Letras. Os veciños están citados ás 20.00 para participar nun acto de lembranza a Rosalía de Castro e de homenaxe a Luísa Villalta. Consistirá nun recital poético con acompañamento musical.

Pero os rianxeiros xa poderán acudir antes a Taragoña. Antrospinos organiza en Campo de Pazos a tradicional Feira de 1906, con postos de artesanía, xogos populares, polbeiro e música. Punkestra Chumeiras e DJ Enxebre encargaranse do colofón.

O sábado, no auditorio (18.00 horas), haberá un festival de música tradicional promovido por Vai de Roda, e o domingo (Campo de Arriba, 19.00), un concerto da banda.

Porto do Son

Con música celebrarán os veciños de Porto do Son o 17 de maio. A banda tradicional Suevia ofrecerá un concerto ás 20.00 horas na casa de cultura, que pechará a Coral Polifónica de Noia.

Foliada en Abanqueiro con doce grupos

Unha ducia de formacións participarán mañá na gran foliada que organizou a comisión da romaría de Exipto. Comezará ás 19.00 horas no centro social e contará coa participación de grupos como Cantigas e Agarimos, Xilbarbeira, Tahume, A Dorniña, Nunca é Tarde e Mar de Cabo. O colofón chegará ás 23.00 horas da man de DJ Calambre. Os asistentes incluso terán ocasión de repoñer forzas cun bocadillo especial de luras con maionesa de cítricos preparado por Daniel Tubío. Ademais, sortearanse agasallos.

Unha ponte animada con verbenas en Boiro, Muros y Ribeira

O festivo deste 17 de maio propicia unha ponte que os veciños de Barbanza poderán aproveitar sumándose a algunhas das verbenas programadas. Na localidade ribeirense de Carreira celebrarán entre o sábado e o luns as festas de Nosa Señora da Guía. Para a apertura contarán con Platinum e Tito Maverick, mentres que o segundo día serán Capitol e Mateo Abelleira os que se suban ao escenario. Do peche encargarase La Bamba. Ese último día será no que se lle renda tributo á patroa, con misas ás 8.00, ás 12.00, ás 18.00 e ás 20.00 horas.

En outra localidade do municipio ribeirense, Oleiros, hoxe chegan ao seu fin as festas de Fátima que comezaron o pasado fin de semana. Haberá unha primeira sesión musical ás 19.00, coa Tuna Universitaria da Coruña e o DJ Javi Machito; e outra a partir das 22.30, con Puzzle, Tito Maverick e Mateo Abelleira.

O sábado tamén estará en festas Ponte Beluso, en Boiro, onde se lle renderá homenaxe á Virxe das Angustias. Haberá misa solemne ás 12.00, seguida dunha sesión vermú co grupo Charada, que pola noite compartirá escenario coa orquestra La Ocaband.

E tamén o sábado, no Curro da Praza de Muros, desenvolverase unha xornada festiva con xantar popular, sesión vermú a cargo de Juan do Tractor, tardeo con DJ Perrecho e colofón da man de K291, Pili Pampín e DJ Borjita.

Nace en Outes un encontro de zanfonas

A casa de cultura de Outes dará cabida este domingo, a partir das 20.30 horas, a un encontro de zanfonas. Está prevista a participación da asociación A Fuliada (Betanzos), a aula permanente de música tradicional do Campus de Pontevedra, a escola de instrumentos populares galegos Suso Vaamonde (Caldas), a escola de Gaïa (Pontevedra), a agrupación Tequexetéldere (A Estrada) e o grupo Hai que Roelo (Cuntis). Tamén se sumará a escola de música do Concello de Outes. O encontro nace co título Roda e Ludra, e o obxectivo é que teña continuidade no futuro.