Museo do Gravado de Artes e Real Academia Galega de Belas Artes unen as súas coleccións

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A sala ribeirense é a primeira parada da exposición «Os traballos de Hércules»

25 may 2024 . Actualizado a las 09:16 h.

A importancia do Museo do Gravado de Artes como espazo expositivo de relevancia autonómica vese avalada pola decisión da Real Academia Galega de Belas Artes de escoller a sala ribeirense para a estrea da súa mostra itinerante Os traballos de Hércules, que reúne 16 gravados orixinais pertencentes á colección da institución.

As pezas inician o seu percorrido por Galicia con motivo do 175.° aniversario da academia. As obras expostas corresponden a uns gravados efectuados por Juan Barcelón e Nicolás Basanti a raíz da serie de pinturas ao fresco que o artista italiano Luca Giordano realizou no século XVII por encargo de Carlos II.

Entre as aventuras de Hércules que se representan nas pezas figura a lenda co xigante Gerión, ao que venceu na Coruña, triunfo en honor ao que se construíu a Torre de Hércules.

Ao acoller estas pezas, o Museo do Gravado de Artes e a Real Academia Galega de Belas Artes unen as súas coleccións ata o día 24 de xuño, cando Os traballos de Hércules partirán cara un novo destino.

Preservación cultural

Unha colección desta magnitude tivo unha inauguración á altura, presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que destacou a «importancia das entidades culturais na preservación da cultura galega».

Referiuse ao museo de Ribeira e ao destacado labor que fai «recollendo a nosa historia nas artes gráficas», ao tempo que felicitou á Real Academia Galega de Belas Artes pola «iniciativa de achegar as súas coleccións a diversos puntos de Galicia».

Ademais do conselleiro, no acto tamén estiveron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; o presidente da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Luís Pérez Barral, e o seu vicepresidente, Javier Expósito.

Nas súas intervencións, tanto expósito como Pérez Barral destacaron o feito de que a Real Academia Galega escollera a sala ribeirense para iniciar a mostra.

Os asistentes, entre os que figuraban representantes de concellos da bisbarra, tamén tiveron a oportunidade, guiados polo director do museo, Xoán Pastor Rodríguez, de coñecer parte dos seus fondos. De igual xeito, fixeron un percorrido pola biblioteca. Este espazo, con máis de oito mil volumes, permite facer un percorrido polos cincocentos anos de historia da estampa. Constitúe outra das xoias deste recinto expositivo.