
Ás veces decátome do repugnantiño que son co peixe cando viaxo, especialmente fóra de Galicia, e me cabreo con elaboracións que son complexas en exceso. Lembro, por exemplo, no gran restaurante Celler de Can Roca, un prato no que se dedicaran a facer fogos de artificio cun salmonete. Estiven a punto de acceder á cociña e reclamar danos e prexuízos (cometidos ao salmonete). Os galegos temos educado o gusto gastronómico dun xeito peculiar: o cociñeiro debe demostrarnos o oficio sen comprometer o sabor orixinal e característico da despensa, potenciando aquilo que o produto ten de singular e da terra ou do mar. Esa educación vennos de lonxe.
Os arqueólogos manexan nos últimos anos unha técnica de máximo interese: os isótopos de estroncio. O estroncio pasa desde os materiais xeolóxicos á cadea alimentaria e tende a acumularse no esmalte dos nosos dentes. Se atopas unha caveira das cun tesouro. Como o esmalte se forma no período da nosa infancia, os científicos son capaces de saber onde pasou un individuo os seus primeiros anos de vida, identificando a procedencia do estroncio. Iso está a permitir coñecer a gran mobilidade dos individuos na prehistoria.
Pero máis alá dos contextos científicos, a min gústame pensar que no fondo é nesa infancia, na auga que bebemos, nas texturas da carne e do peixe que comemos, no sabor das leitugas da nosa avoa, que gardamos unha memoria que condiciona para toda a vida o xeito de entender o comer e o beber. Por iso se cadra debamos ser tolerantes: todos somos consecuencias inconscientes da nosa infancia.